Un Pontevedra impotente non pasa do empate na casa ante o Linense (0-0)

Pontevedra
25 de setembro 2022

Impotente. Así se mostrou o Pontevedra CF en Pasarón ante a Balompédica Linense este domingo. Os de Antonio Fernández rozaron o gol na primeira metade pero recorreron á desesperada nos instantes finais para buscar unha vitoria que nunca chegou

Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e Balompédica Linense en Pasarón Pontevedra CF

Impotente. Así se mostrou o Pontevedra CF en Pasarón ante a Balompédica Linense este domingo. Os de Antonio Fernández rozaron o gol na primeira metade pero recorreron á desesperada nos instantes finais para buscar unha vitoria que nunca chegou.

Arrancou con problemas o conxunto granate, incómodo e claramente excedido pola superioridade numérica no medio centro da Balona, que apostou por unha liña de tres defensas para iniciar o encontro.

Asustou o conxunto visitante nada máis comezar cun balón en longo desde o medio que parecía non chegar a ningún porto, pero un mal despexe da zaga pontevedresa deu opcións a un Álex Guti que, de cazala ben, complicaría ao Pontevedra.

Pero aos poucos os de Antonio Fernández fóronse entoando e puideron anotar o primeiro tanto aproveitando unha mala saída e o seu posterior mal despexe do gardameta andaluz. Calvillo viuno adiantado, tentou sorprendelo por arriba, pero tardou demasiado en sacar o disparo.

Entrou o Pontevedra no seu mellor dinámica co paso dos minutos e facía boas transicións para chegar a portería rival e tivo opcións de anotar, sobre todo cun centro de Calvillo desde a liña de fondo ao que non puido chegar Rufo e cunha falta lateral que cabeceou Churre fose.

A presión dos granates tiña cada vez máis ritmo e atopaban mellor os espazos no medio, aproveitando que Alberto Jiménez atrasaba a un dos seus homes para formar unha defensa de catro.

O partido xa era outra cousa e o Pontevedra gozaba da súa mellor oportunidade tras unha recuperación no medio do campo que chegou ata Ángel Bastos. Avanzou, regateou ao seu opoñente, meteuse na área e sacou un pase da morte aproveitando a saída en falso Alberto Varo, pero Álex González contra todo prognóstico, fallou a porta baleira.

O dominio era total para os locais, que alcanzaban portería rival e xeraban situacións de perigo, pero o gol seguiu sen chegar nos primeiros 45 minutos.

Foron os de Cádiz os que saíron máis intensos do vestiario e meteron o medo no corpo ao Pontevedra, que pegou un cambio radical en canto ao mostrado na primeira metade e se defendía como podía dos ataques dunha Balompédica que tiña en Toni García a mellor ocasión do encontro.

A Antonio Fernández non lle gustaba o que estaba a ver sobre o verde, os seus eran incapaces de chegar a área rival e decidía mover ficha e apostar por dúas puntas claros con Charles e Rufo, pero perdía a Samu Araújo que se retiraba lesionado por problemas musculares.

E o Pontevedra seguía sen atoparo ritmo, que ía decaendo a medida que caían os minutos; tampouco había ocasións e, aínda que conectaba con Rufo en certos momentos aproveitando a súa velocidade, as opcións as debarataba a zaga visitante sen maiores problemas.

Aumentaba a ansiedade nos locais, desesperados e incapaces de facer o seu xogo, mentres a Balompédica Linense atopábase como quería e rabuñaba segundos cada vez que tiña o balón.

Xa sobre a bucina, os da Boa Vila gozaron dunha falta na banda esquerda, pero tampouco chegou con esa. Centrou Rubio moi pechado, o balón foi fóra e o arbitrou pitou o final dun partido insípido no que o Pontevedra foi incapaz de alongar o seu bo arranque.

PONTEVEDRA CF (0):  Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Samu Araújo (Jaichenco, min. 61), Churre, Miguel Román, David Soto, Álex González, Rufo (Guèye, min. 79), Yelko Pino (Mario Ortiz, min. 79), Oier Calvillo (Alberto Rubio, min. 57) e Jon Bakero (Charles, min. 57).

RB LINENSE (0): Varo; Loren, Borja López (Morante, min. 79), Jesús Muñoz, Mena; Delmonte (Masllorens, min. 46), Romero; Álex Guti (Alhassan Koroma, min. 68), Toni García (Fekir, min. 79), Joao Pedro (Connor Ruane, min. 85); e Gerard Oliva.

Árbitros: Jaime Ruiz Álvarez, Daniel Novoa Hernández, José María Madrigal Pérez e Javier Figueiredo Comesaña

Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada de Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante aproximadamente 2.500 afeccionados.