Un Pontevedra en inferioridade queda sen premio no último minuto (2-2)

Pontevedra
10 de febreiro 2019

Os granates, que xogaron toda a segunda parte cun home menos pola expulsión de Álex González, tiveron na súa man o triunfo ata o minuto 89, cando unha mala saída de Edu terminou no segundo gol visitante. Nova oportunidade perdida para achegase aos postos de play- off

Partido entre Pontevedra e Internacional de Madrid en Pasarón Diego Torrado

Co mel nos beizos, así quedou o Pontevedra este domingo en Pasarón ante o Internacional de Madrid nun encontro no que tirou de épica e de garra, a falta de xogo, para chegar a ter na súa man os tres puntos a pesar de actuar toda a segunda metade en inferioridade numérica, pero terminou cedendo un empate no minuto 89 de xogo.

Os locais saíron ao campo con intención de dominar, e conseguírono nos primeiros minutos chegando con perigo nunha boa combinación que finalizou cun perigoso centro desde a dereita de Nacho López que despexou con apuros o gardameta André. Con todo foi un espellismo porque o conxunto madrileño, ben plantado sobre o terreo de xogo, foi gañando presenza ata igualar as forzas e mesmo  asomarse pola área defendida por Edu.

O Inter incomodaba a circulación de balón granate, que a miúdo recorría a balóns longos cara a Javi Pazos, en punta nesta ocasión, ou cara ás bandas ocupadas por Pibe e Álex González. Non pasaba o coiro por Borja e Berrocal na medular e o equipo notábao.

Aínda así Borja Domínguez gozou dunha boa ocasión de adiantar aos seus tras un centro de Álex que Pibe amorna de cabeza e Romay cede para o seu disparo, que se foi fóra. Ocorreu só dous minutos antes do 0-1, nun córner mal defendido pero moi ben posto desde a dereita por Ferreiro para que Fran  Morante rematase sen marca e dentro da área pequena. Edu dubidou na saída e o central visitante mandou o balón ao fondo da rede.

Era un duro golpe, pero por fortuna o Pontevedra reaccionou da mellor maneira posible, tardando apenas 3 minutos en lograr a igualada. Foi nun carreira de Álex González pola esquerda ata a liña de fondo que terminou cun centro raso que rematou Romay. Ferreiro no seu intento de taponar o disparo sacouno coa man, pero o colexiado non sinalou un penalti que parecía claro e o propio Romay aproveitou o balón solto para marcar.

Pese ao tanto, ao Pontevedra seguíalle custando atopar o seu xogo, pasando os minutos ata o descanso con máis pena que gloria e só un par de accións polémicas no centro do campo que provocaron a rifa do persoal ao trío arbitral camiño dos vestiarios.

Todo cambiou ao comezo do segundo acto, e de novo co colexiado como protagonista ao expulsar a Álex González ao ver a segunda amarela nunha acción dividida e moi protestada na bancada. Tocaba sufrir e así foi. Os granates recuaron ante un Inter que viu a oportunidade de levar os puntos en xogo. Así os visitantes roldaron a meta defendida por Edu e puxérono a proba en varias accións de perigo, como un tiro de Ferreiro, outro de Rafa Mella que se foi alto ou outra acción de Tamayo.

Luismi daba entrada a Álvaro Bustos buscando velocidade na contra e á espera de que unha xogada illada que permitiron loitar polo triunfo. Esa acción chegou no minuto 72 nun córner sacado por Borja que peitea Berrocal, saca con apuros a zaga visitante e acaba nun remate de volea do recentemente estreado Bustos que fixo estalar de xúbilo á bancada.

A pesar da inferioridade numérica, o despregamento físico poñía ao alcance a vitoria e os xogadores locais afanáronse en defendela con uñas e dentes ata morrer na beira. Era xa o minuto 89 cando Edu despexa en curto nunha saída deixando o coiro para que Rafa Mella o batese por alto, reclamando o porteiro falta dun atacante.

Non houbo tempo para máis, para desesperación da parroquia local, que vía pasar por diante unha nova oportunidade para achegarse aos postos de play-off de ascenso. Tocará compensalo a domicilio o vindeiro domingo en Barreiro ante o Celta B. Tocará por tanto mellorar a imaxe lonxe de Pasarón. Non queda outra.

PONTEVEDRA CF (2): Edu, Nacho López, Nacho Lorenzo, Churre, Adrián León, Berrocal, Álex González, Borja Domínguez, Javi Pazos (Pedro Vázquez, min.81), Romay (Arruabarrena, min.88), Pibe (Álvaro Bustos, min.66).

INTERNACIONAL DE MADRID (2): André, Robles, Herrero, Fran Morante (Tello, min.73), Moyano, Monroy, Rafa Mella, Pina (Alberto, min.78), Fran Cortés, Filipe (Rufo, min.68), Tamayo.

Árbitro: Enrique Gago Aladro, auxiliado nas bandas por Eliana Fernández González e Pelayo Buergo González (Asturias). Amoestou a Nacho López no Pontevedra e a Fran Cortés, Moyano e Monroy no Inter. Expulsou a Álex González por dobre amarela (25 y 46).

Goles: 0-1 Fran Monrante (min.33), 1-1 Romay (min.36), 2-1 Álvaro Bustos (min.72), 2-2 Rafa Mella (min.89).

Incidencias: Partido da xornada 24 de liga da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante ao redor de 2.500 espectadores.