Ségueselle resistindo a vitoria ao Pontevedra CF, que foi de máis a menos e regalou un empate ao Valladolid Promesas despois de ter innumerables ocasións coas que sentenciar o partido.
O gol continúa sendo unha tarefa pendente para o conxunto granate, que golpeou primeiro con Dalisson para sucumbir na segunda metade ante o empuxe do Valladolid, que anotou a igualada por medio de Dani Fernández.
Saíron os de Yago Iglesias a por todas desde o asubío inicial, gozando nada máis sair ao campo da primeira ocasión por medio de Rufo, que tirou desde a frontal da área pero o seu disparo foise pola esquerda da portería local. Pouco despois, o ariete madrileño volveu tentar abrir o marcador pero o balón foise desviado por moi pouco.
Tras esta dobre ocasión o dominio continuou sendo para o conxunto granate, que saíra moi intenso e apertaba cada xogada. E non foi ata o minuto 30 cando por fin os granates facían o primeiro gol. Jaichenco, que entrara por Chiqui, que se tivo que retirar lesionado, converteuse en asistente para deixar o esférico a Dalisson, que demostrou a súa calidade para facer o 0-1.
Tocáballe reverter a situación aos valisoletanos, que tentaron por medio de Salazar bater a Edu Sousa, que cunha moi boa parada evitou o empate.
E na recta final do primeiro tempo chegaron as mellores ocasións para ambas as escuadras, pero o protagonismo foi os gardametas, que realizaron unha auténtica exhibición coa que impediron que o marcador se movese.
Primeiro puido anotar Álex González para o Pontevedra, pero Pablo Picón apareceu para evitar o segundo gol dos granates; e, xusto ao fío do descanso, Chuki tivo o empate para o Promesas nun man a man con Edu Sousa que gañou o porteiro.
Tras o paso polos vestiarios, Baptista moveu o banco para ir ao ataque cun triplo cambio que modificou por completo o guion do partido. Tocáballe aos de Lérez sufrir, que parecía que se conformaban con ese resultado e víanse superados por un Valladolid que dera un paso adiante. Tito enviou o coiro ás costas da defensa que correu Dani Fernández para sacar un pase da morte ao que, por moi pouco, non puido chegar Chuki.
Respondeu o Pontevedra con outra ocasión de Rufo que resolveu Picón e, despois desa, o Pontevedra desapareción en ataque. De feito, foi o cadro local o que, por medio de Dani Fernández anotaba o empate e enmudecía ao conxunto granate.
Pouco despois, o autor do gol volvía poñer en aprietos aos visitantes cun disparo ao traveseiro e dar paso aos últimos instantes de partido nos que o Pontevedra tivo unha dobre oportunidade, primeiro cun pau de Charly e despois cun disparo de Álex González, pero Pablo Picón interveu para evitar o tanto e alcanzouse o asubío final nun 1-1.
REAL VALLADOLID PROMESAS (1): Pablo Picón, Yaguito (Koke, min. 45), Tito Peralta, Adri Gómez, Raúl Chasco, Frimpong, Adrián Verde (Jesús Martínez, min. 45), Chuki, Pozo (Dani Fernández, min. 45), Salazar (Yago Paredes, min. 83) e Xavi Moreno.
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Ángel Bastos, Churre, Álex González, Rufo (Toño, min. 67), Yelko, Chiqui (Jaichenco, min. 25 / Charly, min. 67), Samu Mayo (Hugo Padín, min.75), Garay, Dalisson (Mario Gómez, min. 75) e Zabaleta.
Goles: 0-1, min. 30, Dalisson. 1-1, min. 79, Dani Fernández.
Incidencias: Partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra CF correspondente á xornada 2 de Segunda RFEF disputado nos Anexos do José Zorrilla.