Un Pontevedra con "mentalidade gañadora" viaxa a Ceuta a por a súa primeira vitoria a domicilio

Pontevedra
25 de novembro 2022

O Pontevedra CF enfróntase este domingo ás 12:00 horas a un equipo que Antonio Fernández coñece moi ben. Trátase do Ceuta, pechacancelas na clasificación pero que realiza un "fútbol combinativo capaz de sorprender a calquera rival", admitiu o técnico granate na rolda de prensa habitual previa ao encontro

Partido de Primeira Federación entre o Pontevedra e o Fuenlabrada en Pasarón Cristina Saiz

O Pontevedra CF enfróntase este domingo ás 12:00 horas a un equipo que Antonio Fernández coñece moi ben. Trátase do Ceuta, pechacancelas na clasificación pero que realiza un "fútbol combinativo capaz de sorprender a calquera rival", admitiu o técnico granate na rolda de prensa habitual previa ao encontro.

Contará con todos os xogadores coa única excepción de Oier Calvillo, que non adestrou en toda a semana e está pendente das probas pola súa lesión no ombreiro, para viaxar "a un sitio complicado" onde se enfrontarán "dous equipos necesitados por conseguir unha vitoria", uns por gañar na casa e outros por conseguir o primeiro triunfo a domicilio.

En todo caso a clave o domingo será manter a portería e minimizar as transicións do Ceuta, un equipo que "por filosofía de xogo e polas características dos xogadores que ten arriba vaiche a crear dificultade". Por iso o Pontevedra buscará ter a pelota, estar ben plantado e conceder o mínimo posible ao rival, tentando reflectir o que se viu no partido de Copa do Rei contra o Manresa e, sobre todo, que o equipo deixe atrás a falta de acerto para gol que arrastra desde o inicio.

É precisamente a falta de acerto o que condena ao Pontevedra a estar en postos de descenso. "Chegamos moito", explicou o adestrador, "se cadra debemos chegar en mellores condicións e que os centros sexan de moita máis calidade", algo que considera que xa se está mellorando. 

Ademais o equipo leva "dúas xornadas sen perder, está a traballar moi ben pero o que premia é conseguir puntos". Quere Antonio Fernández que os seus fagan un "partido completo en todas as liñas e que saiba onde temos que levar o balón para facer dano ao Ceuta", ao que "hai que respectar" aínda que sexa pechacancelas e que xoga no seu feudo, un condicionante que inflúe a todos os equipos.

Iso si, as escusas non valen ao técnico do Pontevedra, nin pola dificultade que supón viaxar a Ceuta nin o xogar fóra de Pasarón, por iso o equipo irá "con mentalidade gañadora, de ir a por todas" e levar o peso do partido para ver se así chega a primeira vitoria fóra de casa.