Un penalti inventado dá vantaxe ao Manzanares (1-0) ante un Pontevedra que perdoa pero merece máis

Pontevedra
06 de xuño 2015

Un grave erro arbitral e dous fallos clamorosos case a porta baleira. Foron os culpables de que o Pontevedra regrese cun resultado desfavorable e complicado. Os granates sufriron de novo unha actuación arbitral claramente prexudicial para os seus intereses, ao sinalar o árbitro asistente como penalti unha acción entre Anxo e Sevilla, cando o árbitro principal deixara seguir o xogo, nin sequera existira falta, e de selo producírase fóra da área

Un momento do partido entre Manzanares e Pontevedra no José Camacho Pablo Lorente / La Tribuna de Ciudad Real

Un grave erro arbitral e dous fallos clamorosos case a porta baleira. Foron os culpables de que o Pontevedra regrese cun resultado desfavorable e complicado, obrigado a remontar en Pasarón, despois dun partido no que foi mellor que o Manzanares.

Os granates sufriron de novo unha actuación arbitral claramente prexudicial para os seus intereses, ao sinalar o árbitro asistente como penalti unha acción entre Anxo e Sevilla, cando o árbitro principal deixara seguir o xogo, nin sequera existira falta, e de selo producírase fóra da área.

Co obxectivo ben definido de parar os primeiros minutos de esperada presión local, o Pontevedra saíu decidido a non conceder facilidades nin deixar espazos. Coas liñas moi xuntas en defensa e un dobre pivote formado por Kevin Presa e Pedro García, os granates esperaban atrás sen sufrir, ben plantados sobre o terreo.

Luisito volveu introducir cambios no once inicial, reservando novamente a Pablo Carnero e situando o equipo nun 4-2-3-1 con Centrón na banda dereita e Pablo como acompañante de Capi no centro da zaga, para que Campillo ocupase a praza no lateral dereito do lesionado Adrián.

Con esta formulación o Pontevedra estaba cómodo. O Manzanares non chegaba nin creaba perigo, mentres os granates ían crecendo a medida que transcorrían os minutos, especialmente cando conseguían facer chegar o balón aos pés de Mouriño ou Jacobo. Deles naceron as dúas chegadas con máis perigo de toda a primeira metade. Na primeira Centrón disparou con pouca forza e escasa colocacción, ás mans do porteiro. Na segunda, un pase en profundidade deixou só a Jorge, pero o dianteiro escorouse demasiado e cando quixo centrar non encontrou ninguén o remate.

Non obstante pouco faltou para que se repetise a historia do partido ante o Mensajero en La Palma, cando no último minuto o Manzanares, que non disparara a porta nin creado unha soa ocasión, puido adiantarse un minuto antes do descanso, no seu único remate a porta, que chegaba a raíz dun saque de banda no que a defensa granate tivo o seu único lunar. O balón botou no punto de penalti e quedoulle franco a Morada. Capi, de cabeza, salvou baixo paus con Edu absolutamente batido.

Comezou moito mellor o Pontevedra a segunda metade. Os granates saíron decididos a materializar a superioridade mostrada na primeira e se non o fixeron foi exclusivamente pola súa falta de puntaría. Jorge fallou unha oportunidade inmellorable (minuto 53) a pase de Centrón, cando estaba só ao bordo da área pequena. Un minuto despois un defensa tapona un disparo de Anxo mandando o balón a corner.

Os granates mandaban e Luisito deu entrada a Tubo e Fran Fandiño para irse decididamente a polo partido. Pero o que ninguén contaba era con intervención do árbitro asistente. Anxo anticípase e corta un balón a Sevilla (minuto 63). O árbitro deixa seguir o xogo, pero o seu compañeiro levanta a bandeirola sinalando un penalti inexistente, ante as inútiles protestas e o asombro dos pontevedreses. Carlos Arroyo transfórmao enganando a Edu.

O Pontevedra acusou o gol e tardou en reaccionar, aínda que o Manzanares non o aproveitou, permitindo que pouco a pouco o equipo visitante recuperase a iniciativa ata dispoñer dunha ocasión clamorosa para empatar. Tubo fixo o difícil, minuto 77, sombreiro incluído sobre o porteiro Rodri para quedarse só e con toda a portaría á súa disposición estrelar o balón no poste.

Luisito recorreu a Pablo Carnero nos últimos dez minutos. O Pontevedra viviu sempre preto da área contraria, pero unha vez máis un grave erro arbitral, unido aos fallos na finalización, poñen aos granates na obriga de remontar fronte a un rival que non fixo nada futbolísticamente falando, pero soubo aproveitar as súas armas e viaxa a Pasarón cunha inmerecida vantaxe na eliminatoria.

MANZANARES CF (1): Rodri (2); Edu Olivares (1), Saavedra (2), Juampe (2), Carlos Olivares (1); Pirri (2), José Carlos (1); Moraga (2), Santana (1), Carlos Arroyo (2); e Raúl Castillo (s.c.).

Substitucións: Martín (2) por Raúl Castillo, minuto 27. Sevilla (2) por Santana, minuto 59. Chule (s.c.) por Moraga, minuto 75.

PONTEVEDRA CF (0): Edu (1); Campillo (2), Pablo (2), Capi (2), Anxo (2); Kevin Presa (2), Pedro García (1); Centrón (2), Mouriño (1), Jacobo (2); e Jorge (1).

Substitucións: Tubo (2) por Centrón, minuto 61. Fran Fandiño (2) por Mouriño, minuto 61. Pablo Carnero (s.c.) por Jacobo, minuto 80.

Árbitro: Cristóbal Jesús Montoro Garrido (Andalucía), auxiliado nas bandas por Rafael Escalante Tirado e Juan Francisco Lozano López. Amoestou a Edu Olivares, polo Manzanares, e a Pablo, Capi e Pablo Carnero, polo Pontevedra.

Goles: (1-0) Minuto 64: Carlos Arroyo, de penalti.

Incidencias: Campo Municipal José Camacho (Manzanares-Ciudad Real). Partido de "ida" da eliminatoria de semifinais polo ascenso a Segunda División B. Uns 1.200 espectadores, dos cales máis de 100 eran seguidores do Pontevedra.