Daniela Suárez segue derrubando barreiras para a natación artística pontevedresa e galega, cunha sobresaliente actuación no Campionato do Mundo Infantil celebrado na localidade estadounidense de Charlotte.
A deportista do Galaico Sincro xa foi protagonista o sábado ao conseguir a medalla de prata coa Selección Española na rutina combinada, pero foi máis aló coa rutina de equipo que pechaba a competición mundialista.
Nesa proba Daniela e as súas compañeiras conseguiron o ouro, superando aos equipos de Xapón e Estados Unidos, que ocuparon o segundo e terceiro lugar respectivamente.
A este fito, ata o de agora impensable para unha nadadora galega, Daniela Suárez sumou un posto 21 individual na competición de figuras, a pesar de ser unha das deportistas de menor idade no Mundial.
Uns logros que foron festexados por todo o alto polo seu clube, o Galaico Sincro.