O Pontevedra Club de Fútbol empeza a ter un once tipo esta tempada, sempre que as sancións ou lesións o permitan.
Despois dunhas primeiras xornadas con variacións en busca de atopar o rendemento óptimo, Yago Iglesias parece ter atopado esa formación, e é que repetiu equipo titular no últimas catro xornadas de liga.
O equipo xa se viña parecendo bastante desde un par de semanas antes, pero en Zamora o capitán Álex González entrou como carrileiro zurdo e desde entón (Zamora, Oviedo Vetusta, Avilés e Rayo Cantabria) a aliñación foi a mesma, podendo xa case recitarse de corrido.
Ese equipo é o composto poe Edu Sousa en portería; Churre, Mario Gómez e Garay na liña defensiva de tres acompañados por Álex e Bastos nas bandas; Samu Mayo por diante; Yelko, Chiqui e Dalisson máis adiantados; e Rufo en punta.
De todos eles ata cinco partiron de titulares nas dez xornadas disputadas ata a data (Edu, Garay, Bastos, Dalisson e Yelko), aínda que só Edu Sousa e Garay completaron todos e cada un dos minutos en xogo (900).
No cómputo de minutos xogados séguenlle Yelko (887), Mario (817), Bastos (817), Churre (810), Rufo (768), Samu Mayo a pesar de ter perdido un encontro por sanción (748), Dalisson (731) e Álex González (709). Son un total de dez integrantes do plantel os que superan esa barreira de 700 minutos sobre o verde, aparecendo despois un pouco máis lonxe Chiqui (587) completando o once que se consolidou como titular.
En canto ao banco, destacan os 384 minutos de Charly, que participou en nove partidos, ou os 316 de Zabaleta, que empezou como titular pero que perdeu protagonismo. A partir de aí só Toño Calvo supera os 200 minutos (208), mentres que Valen acumula 169 e o resto de xogadores do primeiro plantel e filial non chegan aos 100 minutos no campo.
Dos xogadores con ficha do primeiro equipo, os únicos que non debutaron esta tempada son o gardameta Manu Vizoso e o extremo Marcos Barbeiro, lesionado desde hai semanas.