O Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños poderá reabrir a piscina olímpica para o adestramento dos clubs deportivos.
Así se establece nun novo auto xudicial da titular do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Pontevedra, estimando as medidas cautelares solicitadas pola Fundació Rías do Sur.
Vólvese desta forma ao momento ao que se chegou a mediados do mes de xuño, antes de que o proceso se anulase por un defecto de forma fixando unha nova vista entre as partes para o pasado 8 de xullo.
Agora a xuíza volve estimar a petición da Fundación, que confirma a recepción do auto a última hora do venres e que deberá formalizar nos próximos días a súa demanda contra Supera por inclumplir o contrato de concesión ao pechar unilateralmente as instalacións o pasado 1 de abril.
En todo caso mentres esa denuncia nos tribunais non se resolve, será a propia Fundación Rías do Sur co apoio dos clubs a que deberá asumir o custo de mantemento da piscina olímpica.
Esta decisión abre a vía ao regreso para Ponte Muíños dos deportistas federados, que poderán volver adestrar e competir en Rías do Sur, aínda que non supoñerá a apertura do centro a deportistas particulares.
Desde a Fundación Rías do Sur avanzan que o seu equipo xurídico atópase estudando o documento xudicial antes de informar "nos próximos días" cales serán os seus seguintes pasos a dar.