A Pontevedra quédaselle curto o tríatlon sprint e olímpico e estuda probar sorte na media e larga distancia. O goberno municipal traballa para que a cidade se estree, a curto ou medio prazo, na organización dun medio Ironman, unha das disciplinas máis duras deste deporte. Así o anunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a firma do contrato de patrocinio de Javier Gómez Noya.
Precisamente foi o gran resultado que recentemente logrou o ferrolano nesta disciplina, á que pretende dedicarse tras os Xogos Olímpicos de Río 2016, o que animou ao Concello de Pontevedra a acoller unha proba destas características. Foi unha petición, ademais, que lle trasladou persoalmente ao alcalde o tamén triatleta Iván Raña, que dende hai anos dedica parte da súa tempada deportiva a este tipo de carreiras.
Fernández Lores explicou que, a diferenza do tríatlon convencional, estas probas non dependen directamente da Federación Internacional senón dunha empresa privada, polo que haberá que negociar directamente con eles que Pontevedra poida acoller un destes medio Ironman. "De aquí a un futuro gustaríanos organizar un Ironman, pero é mellor empezar por un medio para ver como funciona," afirmou o alcalde.
O propio Javier Gómez Noya celebrou estas intencións de Pontevedra, xa que explicou que actualmente ningunha localidade galega organiza un Ironman. Destacou que se trata dunha proba que conta con moita participación popular. Tras confirmar que, probablemente, "o meu futuro deportivo vaia por aí", o triatleta mostrou o seu desexo de competir nun deles na súa cidade de acollida. "Sería estupendo para min e para todo o tríatlon galego".
En todo caso, o alcalde de Pontevedra sinalou que, no caso de poder optar a organización un medio Ironman, non se prescindiría doutras probas nacionais ou internacionais de tríatlon. De feito, recordou que para 2015 está previsto que a cidade sexa sede, entre outros, do campionato de España de distancia sprint e do campionato de España de acuatlón.
O Ironman 70.3, tamén denominado medio Ironman, é unha proba de tríatlon de media distancia que consiste en 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21,1 quilómetros de carreira a pé. Pola súa banda, o Ironman, que actualmente é a disciplina máis esixente deste deporte, consta de 3,86 quilómetros de natación, 180 quilómetros de ciclismo e un maratón a pé, é dicir, 42,2 quilómetros de carreira.