Un hat-trick de Dani Sousa dá a vitoria ao Poio Pescamar na súa visita ao Amarelle (0-3)

Poio
07 de novembro 2020

A pesar do sufrimento nos primeiros compases de encontro, tres goles de Dani Sousa na segunda metade deron a vitoria ao Poio Pescamar esta fin de semana fronte ao recentemente ascendido Amarelle

Partido entre Viaxes Amarelle e Poio Pescamar na Coruña Viaxes Amarelle FSF

O Poio Pescamar desprazouse este sábado a Coruña para disputar o derbi galego correspondente á cuarta xornada de Primeira Nacional de fútbol sala. O Pavillón da Sagrada Familia abriu as súas portas para acoller o duelo entre as vermellas, localizadas na terceira posición da táboa e o Amarelle, que se atopa na parte baixa da táboa ao non puntuar no que leva xogado de competición.

A pesar de enfrontarse a un equipo recentemente ascendido, o Poio tivo que sufrir para levar os tres puntos. O traballo defensivo por parte do Amarelle foi practicamente impecable durante a primeira metade, con rápidos repregamentos que impedían ás visitantes atopar algún espazo en ataque. Tentaban facer dano coa alta presión, roubando o esférico de maneira case inmediata pero sen ver porta.

As que case ven porta foron as da Coruña a falta de 3 minutos para chegar ao descanso. De porteira a pivote, primeiro buscando a María Gómez e despois a Candela, o Amarelle tivo a opción de inclinar a balanza ao seu favor, pero ambos os disparos fóronse rozando a portería de Caridad.

Tras o paso polo vestiario e co 0-0 no luminoso, Dani Sousa avisou na primeira posesión e, dous minutos despois, atopou o gol co que puxo ao Poio por diante. A partir do tanto, as vermellas empezaron a xogar con tranquilidade.

Aos cinco minutos da segunda metade, unha man de Candela dentro da área do Amarelle deu a oportunidade ás visitantes de facer máis dano. Dani Sousa entrou desde o banco para executar o lanzamento e, con total tranquilidade, enviou o balón ao interior da portería para poñer o 0-2.

Non conforme co dobrete, a brasileira seguiu buscando portería e, tras unha rápida transición, rematou ao segundo pau e puxo o 0-3, ampliando a vantaxe coa que deixou case sentenciado o encontro cando se alcanzaba o ecuador do último acto.

Nese momento o Amarelle viuse obrigado a cambiar a súa estratexia e atacar con cinco xogadoras, logrando así xerar máis ocasiones pero sen reducir distancias. Mentres, as visitantes aproveitaban cada roubo para buscar a portería baleira pero sen lograr ver outro gol. Finalmente, 0-3 e segunda vitoria consecutiva para un Poio Pescamar que sumou en todos os encontros disputados esta tempada.

Viaxes Amarelle FSF (0): Sandra; Patri Corral, Martita, Yaiza e María Gómez (cinco inicial). Tamén xogaron Candela Soria, Anna Escribano, Lau Doce e Cris Lourés.

Poio Pescamar (3): Caridad; Dani Sousa, Mirian, Luci e Ana (quinteto inicial). Tamén xogaron Chesa, Antía, Julia Dupuy e Irene García.

Goles de Dani Sousa: 0-1, min. 23. 0-2, min. 26. 0-3, min. 30.

Árbitros: Darriba Villamor e Martínez Torres do colexio galego. Amoestaron a Antía no Poio Pescamar e a Martita e a Jorge Basanta no Viaxes Amarelle.