A creación dun equipo sénior feminino dentro da estrutura da Sociedad Deportiva Teucro está máis preto que nunca.
Isto é así pola implicación "un grupo de mozas que lle quere moito ao club e que quere tentar formar un equipo", recoñeceu este xoves o director deportivo da entidade, Milucho Pintos, na presentación de Irene Vilaboa como adestradora do conxunto da División de Honra Prata.
"O club sempre tivo a idea de sacar un equipo feminino sénior. Tívoo na súa época e a verdade é que honestamente non estaba nos plans este ano", recoñeceu á súa vez Jose Ameijeiras, membro da xunta xestora.
Con todo todo cambiou co interese de "un grupo importante con preto de 14 mozas e tamén algunha socia" coa que "mantivemos algunhas reunións".
No Teucro aseguran que "estamos moi ilusionados con que isto poida saír adiante", aínda que tendo en conta a complicada situación económica que atravesa a entidade pedíronlle "un esforzo", coa procura dun patrocinador que poida sufragar unha boa parte do custo que supoñería o novo equipo.
De ser así "o club estará aí", explicou Ameijeiras, para quen no caso de que cristalice o proxecto "todo o mérito téñeno elas".