Un gran segundo cuarto válelle ao Arxil para superar o Sevilla (64-52)

Pontevedra
25 de febreiro 2023

O Club Baloncesto Arxil mantén as súas opcións de asaltar os postos de play-off polo ascenso tras sumar un novo triunfo en Liga Feminina 2. As de Mayte Méndez superaron no CGTD ao Sevilla grazas a un impecable segundo cuarto que foi suficiente para facerse coa vitoria (64-52)  

Partido entre CB Arxil e Sevilla no CTGD Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil mantén as súas opcións de asaltar os postos de play-off polo ascenso tras sumar un novo triunfo en Liga Feminina 2. As de Mayte Méndez superaron no CGTD ao Sevilla grazas a un impecable segundo cuarto que foi suficiente para facerse coa vitoria (64-52).

Destacou especialmente o papel de Nerea Liste con 20 puntos e 15 rebotes, e de Heather Forster con 15 puntos e 10 rebotes, que demostraron a súa superioridade e lideraron o xogo das pontevedresas.

Tras un primeiro cuarto igualado (16-13), o Arxil púxose ao choio e ampliaron a súa renda ata os 16 puntos, deixando practicamente sentenciado o partido antes do descanso (37-21).

Con todo encarrilado, as de Mayte Méndez só tiveron que manter a vantaxe ante os intentos dun Sevilla que buscou remontar sen fortuna e que, tras empatar no terceiro cuarto (17-17), foi mellor no decisivo (10-14) pero quedou sen tempo para a reacción.

Finalmente, 64-52 e terceiro triunfo consecutivo para un Arxil que se mantén en cuarta posición con 29 puntos e segue moi de preto ao Miralvalle e Almería, terceiro e segundo con 31 puntos, e ao Tirso Incentro, primeiro con 32 puntos.

Consulta as estatísticas nesta ligazón