Ben fose de forma consciente ou porque o Pontevedra lle obrigou a iso, o Choco saíu moi atrás, tanto que ao non ter o balón os seus recursos ofensivos pasaban polo fútbol directo, tratando de sorprender en velocidade e á contra. Mentres, os granates mandaban territorialmente e creaban ata tres claras ocasións, pero sen acertar no remate.
Jorge deu o primeiro aviso (minuto 9). Cortegoso salvou cos pés. Logo sería Capi, rematando á saída dun corner dos moitos que botaron os visitantes na primeira media hora. Carminatti evitou o gol sacando baixo paus o balón que se coaba (minuto 19). E a seguinte para Adrián, un minuto máis tarde, nun disparo dende a frontal que fixo lucirse a Cortegoso desviando o balón por enriba da travesa.
Aínda habería dúas chegadas máis con moito perigo. Unha nun disparo de Centrón, rematando un centro de Jacobo, que se ía directo a porta, pero dá nas costas de Saúl e marcha á esquina. E a segunda na mellor xogada do primeiro tempo, con pase de Jorge a Pablo Carnero (minuto 43), que se coa na área lanzando un duro disparo raso ao que responde Cortegoso cunha gran parada.
A achega ofensiva local limitábase a disparos afastados, con pouco perigo e mala dirección, que apenas inquietaron a Edu. Pero na súa única chegada clara, a bordo do descanso, os de Jacobo Montes puideron adiantarse. Foi nun centro de Gonzalo (minuto 44) que rematou de cabeza Silva por enriba do longueiro, en moi boa posición.
Ao descanso as sensacións eran que o Pontevedra fora superior, pero volvendo mostrar o moito que lle custa materializar as numerosas ocasións que crea.
A segunda parte ofreceu un partido máis aberto. De ida e volta. Dos que gustan pouco aos adestradores pero resultan máis atractivos para o espectador. Con iso as ocasións estiveron máis repartidas.
Primeiro tívoa Jacobo para o Pontevedra (minuto 49). O seu disparo saíu rozando o pau. Máis clara foi a do Choco nun disparo de Yago Vázquez, dende a frontal (minuto 60), que con Edu batido se estrela na cepa do poste. Tamén clara sería a de Jorge (minuto 62). O seu remate de cabeza en inmellorable posición, a centro de Kevin Presa, deteno ben colocado Cortegoso.
Moveu ficha Luisito dando entrada a Anxo, que resultou clave. Unha internada súa, con chegada ata a liña de fondo (minuto 74) remata cun disparo duro, case sen ángulo, que despexa como pode a zaga local, pero deixando o balón morto no punto de penalti para que Pablo Carnero faga o gol da vitoria.
Tocáballe a quenda a Jacobo Montes, que esgota os seus tres cambios e manda ao seu equipo arriba, á desesperada. A súa valentía case lle custa máis goles. Primeiro remata Pablo Carnero, excesivamente cruzado, logo Anxo é trabado por Lucas, cando encaraba a Cortegoso, en claro penalti que o árbitro non só deixa sen sanción, senón que amoesta o dianteiro granate.
Ata o final tocaba defender, e fíxoo o Pontevedra con solvencia. O Choco empurrou, pero os granates foron xustos vencedores por xogo e ocasións e aproveitan os tropezos dos seus rivais para abrir un pequeno oco á fronte da táboa.
CD CHOCO (0): Cortegoso (3); Yago Vázquez (2), Saúl (2), Lucas (2), Carminatti (2); Gonzalo (2), Muíños (1), Xosé Ramón (1), Hugo (2); Róber (2) e Silva (2).
Substitucións: Comis (1) por Róber, minuto 76. Fernando (1) por Muíños, minuto 78. Aitor Gómez (1) por Xosé Ramón, minuto 78.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (2); Adrián (2), Pablo (3), Capi (3), David Feito (2); Centrón (1), Kevin Presa (2), Pedro García (3), Jacobo (1); Pablo Carnero (3) e Jorge (2).
Substitucións: Anxo (2) por Jacobo, minuto 70. Tubo (s.c.) por Jorge, minuto 82. Tomás (s.c.) por Centrón, minuto 89.
Árbitro: Manuel Casanova Cudeiro (Ourense), auxiliado nas bandas por Daniel Hernández González e Iván Rubio Aviñoa. Amoestou a Hugo, Róber e Carminatti, polo Choco, e a Jacobo, Anxo e Pablo, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 74: Pablo Carnero.
Incidencias: Campo Municipal de Santa Mariña (Redondela). Uns 1.000 espectadores, con numerosa presenza de seguidores visitantes.