Un final de mercado co Pontevedra pendente das fichas Sub-23

Pontevedra
14 de agosto 2023

Coa fichaxe de Dalisson De Almeida o Pontevedra Club de Fútbol tramitou as 16 licenzas sénior das que pode facer uso, ás que se suman dúas Sub-23 que a todos os efectos serán xogadores do primeiro equipo. Os granates dispoñen aínda de catro fichas dispoñibles para futbolistas menores de 23 anos, única opción para incorporar novas pezas no tramo final do mercado 

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Cristina Saiz

A chegada de Dalisson de Almeida, extremo procedente do Rayo Cantabria, despexou unha das incógintas que aínda gardaba o Pontevedra Club de Fútbol no que respecta a a planificación do seu plantel.

O hispano brasileiro ten 23 anos pero ocupará ficha sénior, a última que estaba dispoñible, deixando o tramo final do mercado de fichaxes só coa posibilidade de incorporar futbolistas Sub-23.

Con Dalisson son 16 os xogadores sénior, o número máximo que establece o regulamento. En concreto son: Edu Sousa, Ángel Bastos, Churre, Garay, Mario Gómez, Zabaleta, Borja Domínguez, Samu Mayo, Toño Calvo, Yelko Pino, Álex González, Charly López, Chiqui, Barbeiro, Rufo e o propio Dalisson De Almeida. 

No caso de producirse algunha nova fichaxe dun futbolista maior de 23 anos, deberá carrexar unha saída no plantel.

A esta lista súmanse dous Sub-23 que para todos os efectos serán xogadores do primeiro equipo, como son o gardameta Manu Vizoso e o defensor Javier Hermelo. Neste capítulo podería entrar tamén o senegalés Libasse Guèye, con contrato en vigor ao non chegar aínda a un acordo para a súa rescisión e que tampouco se incorporou aos adestramentos. Nin está por agora nin se lle espera.

Deixando de lado a Guèye, o Pontevedra ten aínda catro fichas Sub-23 por asignar. Poden ser para fichaxes ou para futbolistas que en principio ían contar con licenza do filial.

Neste sentido cabe lembrar que futbolistas como Valentín ou Víctor Casais atópanse traballando en dinámica do primeiro equipo aínda que nun primeiro momento anunciouse que seguirían con ficha do 'B' aproveitando a proximidade en categorías co ascenso a Terceira RFEF. De feito esta circunstancia fai que moitos máis xogadores estean no radar de Yago Iglesias, que deixou clara a súa intención de recorrer ao segundo equipo ao longo da tempada.

Ademais de nos adestramentos, ata a data nos encontros amigables foron contando con minutos ou foron convocados varios futbolistas do filial, ademais dos citados Valentín e Casais, como son Iker Arango, Sergio Balea, Carlos, Hugo Padín, Pedro Espiña e Marqués.