Un Fabril en horas baixas, rival do Pontevedra para tentar "recuperar sensaciones"

Pontevedra
09 de novembro 2018

O filial deportivista, penúltimo na táboa, visita este domingo (17:00 horas) o Estadio Municipal de Pasarón e a un Pontevedra que quere esquecer o tropezo en  Guijuelo e recuperar as boas sensacións en liga

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Nin a choiva nin o frío distraen ao Pontevedra do seu obxectivo de esquecer canto antes o tropezo da última xornada en Guijuelo. Os granates queren "volver a la senda de la victoria y de las buenas sensaciones" este mesmo domingo (17:00 horas) na visita ao Estadio Municipal de Pasarón dun Fabril en horas baixas.

Así o recoñece Luismi, que deberá introducir cambios no once ante a baixa por lesión de Mikel Arruabarrena, que se une á de Álex Fernández e de Churre, que a pesar da súa melloría aínda non xogará.

Mellores noticias deixaron nos últimos días Romay, plenamente recuperado da rotura muscular que sufriu, e Nacho López, quen "va teniendo mejores sensaciones" aínda que se mantén como dúbida. Se non se torce moito a situación, os 18 futbolistas dispoñibles do primeiro plantel compoñerán a convocatoria para medirse ao filial deportivista.

O conxunto coruñés a Pontevedra como penúltimo clasificado, moi lonxe do rendemento da pasada campaña e tras cambiar de adestrador hai dúas semanas, aínda que na última xornada conseguiu romper a súa mala dinámica cun triunfo ante o Rápido de Bouzas. O Fabril en todo caso aínda non gañou este curso a domicilio, cun empate e catro derrotas.

O estado de Pasarón, ante as previsións de choiva reiterada durante toda a fin de semana, é un aspecto que preocupa na casa granate, pero "no podemos hacer nada", defende Luismi, que evita poñer escusas.

O prezo das entradas fixado para a cita é de 25 euros en Tribuna, 15 euros en Preferencia e 10 euros nos fondos (5 euros entrada público xuvenil e 3 euros o infantil), mentres que o colexiado designado para o encontro é o asturiano Diego Valdés Díaz.