Un erro defensivo de vulto leva á derrota o Pontevedra en Valladolid (1-0)

Pontevedra
03 de febreiro 2019

O Pontevedra encaixou este domingo a súa terceira derrota consecutiva a domicilio ao caer ante un Valladolid B que aproveitou o desfalecemento inicial dos de Luismi, cun erro groseiro no minuto 4 que supuxo o único tanto do encontro

Partido entre Valladolid B e Pontevedra Real Valladolid Club de Fútbol

Sen Pasarón non hai paraíso. O Pontevedra, unha vez máis, mostrou a súa versión B fóra de casa encaixando este domingo en Valladolid a súa terceira derrota a domicilio consecutiva que lle impide asaltar os postos de play- off.

Pedía Luismi na previa concentración e evitar erros, e iso foi xusto o que faltou no inicio. Corría só o minuto 4 de xogo cando nun balón sen aparente perigo dous dos defensores pontevedreses, Campillo e Adrián León, non lograban despexar ao estorbarse deixando un balón franco para Miguel. O ariete valisoletano aproveitou a indecisión para encarar a Edu e baterlle por baixo cun disparo entre as pernas.

Os granates, vestidos esta vez de azul, saían practicamente do vestiario cun gol en contra. E puido ser peor, porque o golpe aparvou ao equipo durante uns minutos e o Valladolid Promesas chegou con relativo perigo en dous disparos afastados de Hasen e Apa, este último salvado con apuros por Edu, nun balón en profundidade sobre Miguel e nun córner no que Mario recibiu o coiro na área pequena, reaccionando ben a defensa.

Custoulle entrar no partido ao Pontevedra, que só a partir da media hora empezou a asomar pola área contraria, aínda que con escaso xogo. Fíxoo cunha serie de faltas laterais e saques de esquina que meteron atrás aos locais, que se defenderon ben sen chegar a conceder ocasións claras.

Tras o descanso tentou dar un paso a fronte, gañando metros pero sen atopar o seu xogo. Custaba crear opcións de gol e só un disparo cruzado de Álex González e outro lanzamento de Berrocal desde a frontal poñían en lixeiros apuros ao gardameta local, ademais dun centro perigoso de David Castro ao que non chegou por pouco Arruabarrena no segundo pau.

Luismi, que xa dera entrada a Borja Domínguez aos tres minutos da  renudación, buscou un revulsivo no 68 cun dobre cambio, dando entrada a  Javi Pazos e Pibe, e o certo é que só seis minutos despois, no 74, o arxentino protagonizaría a ocasión máis clara dos pontevedreses nunha boa combinación na frontal que acaba cun remate seco e forte que obrigou a unha gran parada de Samu para evitar o tanto.

Non era o día do conxunto lerezano, que a pesar diso con máis corazón que cabeza seguiu tentándoo ante un Valladolid Promesas que se defendeu con orde e efectividade ata o final para levar tres importantes puntos que no seu caso lle permiten escapar do posto de promoción pola permanencia que ocupaban.

REAL VALLADOLID B (1): Samu, Apa (Raúl Navarro, min.70), Corral, Mario, Salisu, Carrascal, Pedrosa (Casi, min.70), El Hacen, Miguel (Jaime, min.87), Javi Pérez, Zalazar.

PONTEVEDRA CF (0): Edu, Nacho López, David Castro, Campillo, Adrián León, Kevin (Borja Domínguez, min.48), Álex González (Pibe, min.68), Berrocal, Arruabarrena, Pedro Vázquez , Romay (Javi Pazos, min.68).

Árbitro: Ibai Rezola Etxeberría, auxiliado nas bandas por Sarasua Aramburu e Villaquirán Bidegaín (País Vasco). Amoeestou a Carrascal, Zalazar e Miguel no Valladolid e a Kevin Presa, Campillo, Berrocal e Borja Domínguez no Pontevedra.

Goles: 1-0 Miguel (min.4).

Incidencias: Partido da xornada 23 de liga de Segunda División B disputado nos campos anexos do José Zorrilla de Valladolid.