Un empate que reabre vellas feridas

Pontevedra
09 de setembro 2024

O Pontevedra Club de Fútbol deixou escapar dous puntos que tiña no peto no Estadio Vero Boquete, e é que pasou de dominar o encontro cun 0-2 e sensación de poder marcar máis goles a terminar sufrindo e encaixando o empate no tempo de desconto, unha circunstancia xa vivida a pasada campaña en duelos decisivos

Partido entre SD Compostela e Pontevedra CF no Vero Boquete San Lázaro
Partido entre SD Compostela e Pontevedra CF no Vero Boquete San Lázaro / Pontevedra CF

Dunha posta en escena brillante a terminar encaixando un doloroso empate no tempo de desconto, con resultado que trae á memoria sensacións e recordos da pasada campaña que parecían superados.

O Pontevedra Club de Fútbol deixou escapar dous puntos que tiña no peto fronte ao Compostela no Estadio Vero Boquete, e é que os granates dominaban por 0-2 coa sensación de ser superiores en todos e cada un dos aspectos do xogo durante os primeiros 70 minutos de partido.

No primeiro tempo os de Yago Iglesias parecéronse por momentos ao equipo que arroiaba aos seus rivais nunha fase do curso pasado. Sen apenas conceder ocasións e mostrando a súa pegada nas primeiras chegadas para poñer o encontro a favor. Puideron caer máis goles ao comezo do segundo acto, pero non foi así e aí empezaron os problemas.

O 1-2 do Compostela no minuto 75 trouxo as dúbidas. Os cambios non lograron contrarrestar o efecto e o equipo santiagués empezou a crecer e a crerllo mentres ao Pontevedra invadíanlle os nervios. Un cóctel que foi crecendo ata o doloroso 2-2 final, na última xogada xa no minuto 96.

"Somos un equipo que recibe un golpe aínda tendo o partido controlado e fainos moito dano. Temos que crecer niso xa, desde esta xornada. Evidentemente queda moito por diante, pero temos que solucionalo canto antes tanto a nivel táctico como individual", valorou Yago Iglesias ao termo do partido, recoñecendo que tras o primeiro gol local "non somos capaces de gañar duelos directos, de ser contundentes na área".

O técnico ten deberes neste aspecto para espantar as vellas pantasmas que xa parecían esquecidas, e é que resulta inevitable pensar no ascenso que se escapou hai poucos meses por puntos que voaron en situacións similares. Aquel empate no feudo da descendida Arandina (1-1) cun autogol no minuto 88, o empate na casa do Rayo Cantabria (2-2) cun tanto local no 95, a decisiva derrota contra o Ourense CF en Pasarón nun duelo no que os visitantes apenas inquietaran (0-2 con goles nos minutos 82 e 84) ou mesmo a remontada do Deportivo Aragón na Romareda xa en play-off nun choque no que os granates foran moi superiores (2-1 con goles nos minutos 75 e 85).

Tempo hai para poñer remedio. Só é a segunda xornada do campionato e hai moita marxe para a mellora, empezando pola nova e esixente saída que aparece xa no horizonte coa visita a un dos grandes rivais do grupo, o Numancia (domingo 15, 17.00 horas). Un resultado positivo en Soria sería o mellor antídoto.