Un descoido defensivo leva á derrota ao Pontevedra ante o Izarra (1-0) nun partido sen fútbol

Pontevedra
03 de abril 2016

Non foi capaz o Pontevedra de aproveitar os tropezos de Tudelano e Logroñés para reducir distancias e seguir optando, aínda que de lonxe, aos postos de play-off. Os granates caeron nos últimos minutos nun discreto partido na súa visita ao Izarra, como consecuencia do seu único descoido defensivo, no que vén sendo un problema nas últimas xornadas, a defensa das accións a balón parado, pero tamén vítimas da súa falta de pólvora en ataque

Partido entre Izarra e Pontevedra en Merkatondoa Montxo A.G./Diario de Navarra

Non foi capaz o Pontevedra de aproveitar os tropezos de Tudelano e Logroñés para reducir distancias e seguir optando, aínda que de lonxe, aos postos de play-off. Os granates caeron nos últimos minutos nun discreto partido na súa visita ao Izarra, como consecuencia do seu único descoido defensivo, no que vén sendo un problema nas últimas xornadas, a defensa das accións a balón parado, pero tamén vítimas da súa falta de pólvora en ataque.

Pouco fútbol e nin un só disparo entre os tres paus en todo o primeiro tempo. Comezou o equipo navarro presionando e dominando territorialmente, pero protagonizando unha soa acción de relativo perigo, aos 13 minutos de xogo, nun centro de Ziganda que Yoel Sala rematou de cabeza desviado.

Coma se fose o sinal que necesitaban os galegos, o Pontevedra sacudiuse o dominio e chegou á área rival nun roubo de Jandrín, que non puido rematar Borjas, ao caerse na área, e nun disparo de Jacobo desde a frontal, que saíu fóra.

Logo Pito gañouse un xusto cartón amarelo por deixarse caer na área tentando provocar un penalti que non existiu.

Co xogo bastante trabado e numerosas faltas que cortaban constantemente o ritmo, o partido estaba para resolverse en detalles, algún erro, ou algunha acción a balón parado, na que o equipo local parecía ter vantaxe pola maior envergadura física dos seus homes.

O Pontevedra estivera ben plantado, serio atrás. Non sufrira, pero á conta de non conectar cos seus homes de arriba, especialmente Borjas e Jandrín, que apenas puideran entrar en xogo.

Pola súa banda o Izarra parecía esperar a súa ocasión a balón parado, afeito ás reducidas dimensións e deficientes condicións do seu terreo de xogo, que non facilitan o xogo vistoso nin o lucimento.

E sería precisamente o balón parado o que acabase decidindo o partido, aínda que para iso habería de consumirse case na súa totalidade un segundo tempo algo máis movido, pero igualmente carente de calidade.

O regreso de vestiarios ofreceu a dous equipos algo máis atrevidos. Os visitantes tiveron dúas boas aproximacións en apenas un par de minutos, pero os disparos de Borjas e Álex Fernández marcháronse desviados unha vez máis.

Ata o minuto 57 non chegaría o primeiro lanzamento entre os tres paus. Fíxoo o Izarra por medio de Briñol. Edu mandouno a coner. Oito minutos despois sería o Pontevedra quen por fin probase ao meta local. Jacobo rematou dentro da área, parando Óscar Gil, para que acto seguido de novo o Izarra faga intervir con acerto a Edu, que atrapa en dous tempo un remate de Julen Goñi.

Logo volveu o aburrimento e o escaso xogo, ata que no último cuarto de hora os granates adiantaron algo as súas liñas e Borjas disparou axustado, parando o meta local. O mesmo que fixo Edu, detendo un lanzamento de Francis.

Cando parecía que o marcador non se movería, chegaba o que buscaba o Izarra e temía o Pontevedra, que volveu encaixar nunha acción de saque de esquina. A falta de tres minutos para o final Javi Ferreiros saca un corner e Pito, de cabeza, remata chegando desde atrás sen que ninguén lle vixiase. Descoido que custaba unha derrota inxusta, porque aínda que é certo que o Pontevedra non fixo méritos para gañar, tampouco os locais fixéronse acredores a máis que unha repartición de puntos, que sería fiel reflexo dun partido disputado, igualado e aburrido.

CD IZARRA (1): Óscar Gil; Eguaras, Cacho, Ziganda (Eneko, minuto 76), Maestre Salas, Javi Herreros, Bruno, Briñol, Pito, Yoel Sola (Francis, minuto 67) e Julen Goñi (Galán, minuto 79).

PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel, Verdú, Campillo, Pablo, Kevin Presa, Jandrín (Anxo, minuto 53), Álex Fernández, Borjas, Jacobo (Queijeiro, minuto 75) e Bello.

Árbitro: Óscar Sauleda Torrent (Cataluña), auxiliado nas bandas por Sergi López Freixa e Rubén Mancera Antón. Amoestou a Ziganda, Pito, Bruno, Briñol, Yoel Sola, Cacho e Galán, polo Izarra, e a Pablo, Anxo, Verdú e Bello, polo Pontevedra.

Goles: (1-0) Minuto 87: Pito.

Incidencias: Campo de Merkatondoa (Estella-Navarra). Uns 300 espectadores.