O Pontevedra Club de Fútbol mira cara ao seu primeiro desprazamento da tempada, nin máis nin menos que un derbi autonómico fronte á SD Compostela no Estadio Vero Boquete San Lázaro (domingo, 17.00 horas).
"É o seu primeiro partido na casa, un derbi, coa súa afección, así quixo o calendario que se empezase e así imos, a por os tres puntos a Santiago tendo claro por onde temos que ir e sobre todo tendo claro cales son as potencialidades do equipo rival", analizou este venres o adestrador dos granates, Yago Iglesias, na rolda de prensa previa a esta encontro.
O técnico eloxiou a evolución mostrada nos últimos meses polo cadro santiagués desde que Antón Permuy asumiu o cargo, no tramo final do curso pasado.
"Xa as últimas xornadas da tempada pasada creo que o Compostela acabou asimilando e tendo claro o que o corpo técnico lle pedía. O que vimos e analizamos é que esa idea cada vez se interioriza máis. É un equipo con caras novas pero creo que máis rodado que o que nos enfrontamos a tempada pasada", asegura Yago Iglesias.
O preparador do Pontevedra agarda un rival con liña de cinco atrás pero ao que "lle gusta ter o balón, pero que manexa ben a verticalidade e entende cando ten que correr".
Será o primeiro de dous esixentes duelos a domicilio para os granates, ambos os dous fronte a teóricos rivais por ocupar a zona alta da táboa como son o propio Compostela e o Numancia, aínda que como positivo Yago Iglesias cre que "é bo que empecemos xogando fóra en terreos parecidos ao noso".