A afección granate volveu entrar en Pasarón este domingo para o primeiro partido oficial do Pontevedra como local desde o mes de marzo. Pero a entrada nada tivo que ver coa daquel partido contra o Real Madrid Castela. O protocolo anticovid limitou a 300 persoas o máximo de espectadores, que tiñan o seu asento asignado do que non podían moverse sen xustificación durante todo o encontro.
"Ao entrar ao campo, entregamos o carné de socio e DNI para ver se estabamos na lista. Botámonos xel hidroalcohólico e xa entramos", explica un dos seareiros que tivo a fortuna de poder acceder ao estadio para este primeiro partido. Unha vez no sitio asignado, marcado cun adhesivo verde, os espectadores deben permanecer na súa butaca coa máscara posta e mantendo a distancia de seguridade interpersoal.
Foi no descanso cando os voluntarios do club tiveron que intervir para lembrar a un afeccionado da zona inferior da bancada de Tribuna que debía permanecer na súa butaca. Explican testemuñas que este seguidor pretendía permanecer de pé na bancada pero a intervención do persoal do estadio, despois dalgún que outro reproche, logrou convencelo de que permanecese sentado.
Tras a continuación a situación foi a máis, chamando de novo a atención pola súa actitude. Algo que, sempre segundo testemuñas, acabou por alterar ao afeccionado e obrigou á Policía Nacional e á Policía Local a intervir. Primeiro, no medio do seu enfado, abandonou o estadio, pero terminou regresando sendo expulsado no medio dunha forte discusión que terminou incluso en atestado policial.
Á marxe deste incidente, o partido desenvolveuse con plena normalidade tanto na tribuna como no terreo de xogo. Un comportamento que o club quixo agradecer a través das redes sociais.
"Despois de sete longos meses, onte volvéronse a abrir as portas de Pasarón para gozar das tardes de domingo que máis nos gustan: vendo ao noso equipo. Desde o club queremos agradecer a todos os socios que asistiron polo comportamento excepcional que mantiveron, seguindo en todo momento o protocolo marcado no estadio. Grazas, grazas e grazas a todos os voluntarios que nos últimos días estiveron a atender aos socios, resolvendo todas as dúbidas, axudando a poñer todo a punto para que Pasarón fose un lugar seguro. Grazas tamén aos voluntarios do campo que guiaron e organizaron a entrada e saída do recinto. Verémonos o vindeiro domingo, granates! Corazón marrón", comunicou o Pontevedra CF a través dun fío de Twitter.
A entrada e saída do estadio é un dos momentos máis comprometidos, debido a que poden producirse aglomeracións nas portas. É por iso que o protocolo, relatado a través da megafonía do estadio, recolle unha serie de quendas por sectores e bancadas para abandonar o estadio. "Fomos saíndo por zonas, primeiro Tribuna alta e baixa, logo Preferencia e logo os fondos", explicaba un dos afeccionados de Fondo Norte o procedemento para saír de Pasarón.
Na zona de vestiarios tamén se aplica a nova normalidade. O director deportivo do club, Roberto Feáns, exerce tamén como responsable de hixiene da instalación e antes do inicio do partido, en presenza do árbitro e os delegados de ambos os equipos, debe ratificar o cumprimento das normas de hixiene vixentes. O árbitro, pola súa banda, ten tamén a obrigación de lembrar a ambos os delegados da recomendación da RFEF do uso da aplicación móbil Radar Covid para previr contaxios.
RIXIDEZ NO PROTOCOLO COMO AVAL PARA AMPLIAR O AFORO
Roberto Feáns, director deportivo e tamén un dos encargados de velar polo correcto cumprimento do protocolo en Pasarón, explicou a PontevedraViva en que consisten as medidas que deben cumprir todos os asistentes ao estadio. "En base ao protocolo da RFEF e de Sanidade, nós elaboramos o noso propio protocolo", declarou o directivo lembrando que o contido do mesmo está visible nas columnas de todas as bancadas do estadio e é lembrado por megafonía dúas veces durante o partido.
Entrada graduada unha hora antes do inicio do partido, control de temperatura no acceso ao estadio, hixiene de mans, itinerarios marcados no chan para moverse entre as bancadas, acceso controlado aos baños e máxima hixiene nos aseos son só algúns aspectos que recolle o código para seguir polos espectadores. "É un protocolo exhaustivo, somos transparentes e estritos á hora de aplicalo porque queremos que sexa un aval ante as administracións que demostre que podemos ampliar o aforo", sostén Roberto Feáns convencido de que en Pasarón poden entrar con total seguridade 3.000 socios cada xornada.
"Temos a tres voluntarios en cada porta. Esta vez só puideron entrar 300 persoas, pero aplicamos o protocolo coma se fosen vir as 3.000", remarca o directivo, quen quixo poñer en valor o impecable comportamento de todos os afeccionados. Con respecto ao incidente ocorrido en Tribuna, considera que puido haber algún "mal entendido" pero subliña que "se alguén non cumpre o protocolo, o deber da Policía Nacional e o noso é expulsalo do estadio", xustifica.