Triunfo de prestixio para o Peixe Galego en Palma (89-93)

Marín
08 de decembro 2013

Os marinenses impóñense na prórroga na cancha dun dos equipos candidatos ao ascenso de categoría e consolídanse na zona nobre da táboa

Golpe de autoridade do Peixe Galego na pista dun dos equipos candidatos ao ascenso, o Palma Air Europa (89-93).

Os marinenses, nun intenso partido, lograron forzar a prórroga para impoñerse no tempo extra e consolidarse na zona nobre da táboa.

O encontro comezou sen embargo cun equipo mallorquino dominante, anotando con relativa comodidade, para marcar un parcial de 22-16.

Pero os de Javi Llorente non estaban polo labor de poñer a cousas doadas e devolvendo o parcial no segundo cuarto chegaron con táboas no elctrónico ao tempo de descanso (43-43).

O guión repetiuse á volta de vestiarios, cun Palma que intentou escaparse (64-57) pero que non contaba coa fortaleza marinense nos últimos minutos para volver empatar o choque.

Xa na prórroga, o Peixe Galego mostrouse máis seguro ante un conxunto local que acusou ter desperdiciado a ocasión de rematar o partido con anterioridade.

Con este triunfo os de Marín quedan cun balance de 5-4 para consolidarse na sétima praza e abrir oco coa zona baixa da casificación.

PALMA AIR EUROPA (89): Gabriel Torres (9), Antonio Pantín (19), Di Bartolomeo (10), Israel Pampín (8),  Blair (8) -cinco inicial- Alberto García (5), Llompart, Vicens (20), Cañellas, Matemalas (10).

MARÍN PEIXE GALEGO (93): Manuel Ferreiro (1), Aramburu (12), Albert Homs (10), Al Rapier (16), Dirugeris (18) -cinco inicial- Darío Suárez (12), Luis González, Lucho Fernández (18), Gregorio Adón (6).

Árbitros: Lucas De Lucas e Padros Feliú. Sen eliminados.

Parciais: 22-16, 21-27, 21-14, 17-24, 8-12.

Incidencias: Partido disputado no Pabellón Toni Servera, Mallorca.