Triunfo cómodo e solvente do Cisne contra o Eón Horneo Alicante (33-25)

Pontevedra
27 de abril 2024

Os xogadores do equipo pontevedrés realizaron un gran partido en defensa, sobre todo na recta final do primeiro tempo e marcharon ao descanso gañando de cinco goles. Xa na segunda, tras uns instantes igualados, romperon a barreira dos oito tantos coa que se puxo punto e final ao encontro

 

Partido entre Cisne e Eón Horneo Alicante Cristina Saiz

O Club Cisne Balonmano logrou este sábado un triunfo cómodo e solvente diante do Eón Alicante para manterse en postos de play-off a falta de dúas xornadas para a conclusión da liga.

Os xogadores do equipo pontevedrés realizaron un gran partido en defensa, sobre todo na recta final do primeiro tempo e marcharon ao descanso gañando de cinco goles. Xa na segunda, tras uns instantes igualados, romperon a barreira dos oito tantos coa que se puxo punto e final ao encontro.

Con todo, o inicio do duelo non foi do todo bo para os xogadores de Jabato, que tardaron máis de catro minutos en abrir a lata por medio de André de Moura. O marcador mostraba un 0-1, pero enseguida converteuse nun 3-1 tras o dobrete de Rubén Etayo.

Pero a fluidez ofensiva por parte do Cisne desapareceu e o Alicante devolveu empate aos 9 minutos de xogo (3-3), dando paso aos instantes de maior igualdade que se traducían en goles en ambas as dúas porterías (10-10).

Foi entón cando se produciu un punto de inflexión e os de Jabato aproveitaron que Oriol Blanco foi dous minutos ao banco para volver poñer o +2 no luminoso. Os alacantinos responderon reducindo distancias tras a exclusión de Furtado, pero outra superioridade numérica por parte do Cisne a falta de tres minutos para a conclusión do primeiro tempo sentoulle como auga de maio aos xogadores pontevedreses, que fixeron o 17-12 co que se alcanzou o descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o cadro visitante tratou de aumentar a súa intensidade para manter o pulso aos de Lérez, que seguían mandando no marcador en 5 e 6 goles.

Dani Serrano foi excluído e foi entón cando o Alicante recortou diferenzas en tres tantos. Jabato, ante esa situación, parou o cronómetro, pero os visitantes responderon cun gol de Jero Cartagena que apertaba o resultado en tan só dous goles.

Todo podía ocorrer, pero o Cisne non quería tirar pola borda o conseguido ata o momento. Apertou os dentes en defensa e, aínda que esa intensidade viuse penalizada en inferioridades, soubo aguantar o intento de reacción do rival para subir o 24-20.

Aínda quedaban 15 minutos por diante e o técnico visitante parou o cronómetro para reverter a situación, pero en lugar de conseguilo, foron os de Pontevedra os que, apoiados polo seu público, seguiron aumentando a diferenza ata chegar aos oito tantos cos que concluíu o encontro (33-25).

Consulta as estatísticas nesta ligazón