Tripla representación pontevedresa no Europeo Sénior de taekwondo

Pontevedra
09 de decembro 2020

Arlet Ortiz e Iván García, do Mat' s de Marín, xunto a Sara Cortegoso do Mace Sport participan esta semana en Sarajevo na máxima competición continental

Sara Cortegoso, Iván García e Arlet Ortiz Federación Galega de Taekwondo

A localidade bosníaca de Sarajevo acolle estes días o Campionato de Europa Sénior de Pesos Olímpicos de Taekwondo, unha das grandes citas do ano a nivel internacional.

Ata alí desprazáronse tres representantes do taekwondo pontevedrés, satisfeitos por poder volver competir ao máximo nivel.

Trátase de Arlet Ortíz (-57 kg) e Iván García (+80) do  Mat' s de Marín e da pontevedresa Sara Cortegoso (-49), do Mace Sport.

O primeiro en competir será Iván, este xoves día 10. O deportista, que adestra habitualmente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, destacou que "persoalmente despois de non participar en ningún campionato desde marzo, as ganas de volver saír a un tapiz son enormes e moito máis sendo un Europeo", polo que o seu obxectivo será "seguir adaptándome ao peso, pasar as máximas roldas posibles e deixarnos todo no tapiz".

Sara Cortegoso pola súa banda explicou á Federación Galega de Taekwondo que "estiven a adestrar moi duro todo este tempo e sen incidentes e síntome preparada e motivada para este campionato e sobre todo con moitas ganas de competir e gozar do evento".

Por último Arlet recoñeceu ante a cita continental que "penso que estamos a facer un moi bo traballo e síntome preparada para competir. Sei que despois de tanto tempo poida que as sensacións non sexan as mellores, pero estou a desexar afrontar este novo reto e tentar facelo da mellor maneira posible", sinalou.

A competición nas categorías de Arlet Ortiz e de Sara Cortegoso están programadas para a xornada do venres día 11.