Tres partidos de sanción a Moncho por gritarlle ao árbitro asistente "vas a velo na tele"

Pontevedra
12 de xaneiro 2022

O adestrador de porteiros do Pontevedra foi expulsado durante o partido contra o Palencia Cristo Atlético tras protestar un penalti non pitado a Charles con resultado momentáneo de 0-1

Álvaro Cortés e Moncho, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón Mónica Patxot

Duro castigo ao adestrador de porteiros do Pontevedra Club de Fútbol, Moncho, tras a súa expulsión durante o encontro do pasado domingo en  Pasarón fronte ao Palencia Cristo Atlético.

O membro do corpo técnico granate foi expulsado polo colexiado do encontro, o canario Alexander González González, tras protestar no minuto 31 un claro penalti non pitado sobre Charles con marcador momentáneo de 0-1 a favor dos visitantes.

Segundo reflectiu o colexiado na acta do partido, Moncho viu o cartón vermello por "saír do banco facendo observacións de orde técnica a unha decisión miña e gritándolle ao asistente 'vas a velo na tele!'".

Por esa circunstancia, como vén sendo habitual, o Xuíz Único de Competición castigou ao adestrador pontevedrés con dúas xornadas de sanción, ao que se suma un partido extra porque segundo o árbitro "unha vez expulsado permaneceu de pé na zona de acceso a vestiarios". Así se reflicte na resolución publicada este mércores 12 de xaneiro por parte do Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol.

Deste xeito Moncho non poderá sentar no banco xunto a Ángel Rodríguez nos choques de liga contra o Compostela fóra, o Móstoles na casa e o Leganés B a domicilio.