Tres goles en 14 minutos amargan o Arosa en Llanera (3-0)

O Salnés
06 de febreiro 2022

Dous goles en tan só un minuto e un terceiro en apenas 14 foron suficientes para que o Arosa se esquecese da vitoria. Pese ao empuxón co marcador en contra e a estar ben organizado, a puntería para portería era inexistente e foi o Llanera o que quedou cos tres puntos nun duelo que se decidiu nos primeiros compases

Julio Rey, no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Arosa. Temporada 2021/2022 Cristina Saiz

Dous goles en tan só un minuto e un terceiro en apenas 14 foron suficientes para que o Arosa se esquecese da vitoria. Pese ao empuxón co marcador en contra e a estar ben organizado, a puntería para portería era inexistente e foi o Llanera o que quedou cos tres puntos nun duelo que se decidiu nos primeiros compases.

A insistencia do Llanera nos primeiros minutos de xogo e a falta de entendemento entre os xogadores do Arosa provocou que en tan só un minuto o partido se puxera costa arriba aos vilagarciáns. E é que no minuto 5 Mundaka abriu a lata e mentres a bancada aínda estaba a celebrar o gol, Amadou devolveu o golpe facendo o 2-0.

Coa urxencia de reducir distancias, o conxunto visitante buscou a reacción imprimindo unha marcha máis na presión tras perda e logrando xerar un par de ocasións en área rival. Con todo, nun contragolpe, foi o Llanera o que puxo máis terra polo medio. Martín Pérez, que ten unha luva na súa perna esquerda, colocou o esférico onde non chegou Manu Táboas para marcar un auténtico golazo que supoñía o terceiro tanto do Llanera en apenas 14 minutos.

Perdeu ritmo o xogo local co 3-0 e o Arosa aproveitou para axexar con maior claridade a área rival, poñendo a proba a un Del Río que truncaba as opcións arlequinadas facendo unha dobre parada con moito mérito, a segunda a un disparo afastado de Mon. Preto tamén estivo o cuarto gol do Llanera, pero a Keita fíxoselle tarde dentro da área e a zaga de Vilagarcía desbaratou a opción do senegalés. 

Se chegaba á media hora de xogo e o Arosa buscaba xerar perigo cos envíos laterais de Cotilla, que buscaba continuamente a un Pedro Beda que tiña aos 31 minutos a mellor ocasión para o seu equipo. Luismi tamén, neste caso pola banda dereita, tentaba facer dano a un Llanera que tiña un ferrollo baixo paus que non estaba disposto a conceder ningunha facilidade aos de Jorge Otero, que por máis que o buscaron tivéronse que conformar con chegar ao descanso co marcador a cero e tres goles que remontar.

Tras o paso polos vestiarios quixo o Arosa recortar distancias, adiantando a liña de presión para roubar rápido e chegar canto antes a área rival. Tivo nas botas de Luís Nuño, Pedro Beda e Cotilla a opción de reducir distancias pero a puntería seguía fallando. Ademais, os locais estaban ben asentados sobre o terreo de xogo e aguantaban a verticalidade arlequinada que morría en disparos sen perigo para Del Río.

Meteu pernas frescas Otero pero o Llanera atopábase cómodo #ante a insistencia vilagarciá, que o tentaba tamén a balón parado pero non atopaba premio algún.

Así foron pasando os minutos. Arosa presionaba e os asturianos, ben pechados en defensa, só tiñan que alongar ao máximo cada chegada rival para selar o duelo nunha vitoria que se pechou nos primeiros 14 minutos de partido.

Sen tempo para lamentacións, os de Jorge Otero viaxarán este mércores ao Carballiño para disputar unha nova cita ligueira. Trátase do partido contra o Arenteiro correspondente á xornada 18 e suspendido no seu momento por covid-19 nas filas dos arlequinados, que se disputará o día 9 de febreiro ás 20:00 horas.