Seis anos facía que o Poio Pescamar non lograba vencer en Torre Pacheco a un Roldán que parecía ter tomada a medida ao conxunto rojillo, pero o equipo galego desta tempada segue rompendo moldes e batendo récords, logrando cambiar esa traxectoria para sumar os tres puntos e manter o seu espectacular man a man co Futsi Atlético Navalcarnero, na loita polo liderado nunha liga regular á que só lle restan tres xornadas.
Equilibrio de forzas ao comezo do partido, con lixeiro dominio do subcampión copeiro, ante un Poio que agardaba o seu momento e que o atopou moi pronto, aos catro minutos, cando Laura Uña en xogada persoal recibía na frontal e tras regatear a Laura superaba de disparo cruzado a Almudena para abrir o marcador.
Pedía tempo morto o técnico local para ordenar presión alta ante un conxunto conserveiro que se mostraba cómodo sobre a cancha e que, tras lograr salvar un par de intentos murcianos, conseguía o segundo tanto, tras un erro na entrega de Almudena que aproveitaba Anna Escribano.
Roldán metíase de novo no partido tras unha xogada de estratexia á saída dun saque de banda, na que Consuelo cedía a Carmen, para que no segundo pau e a pracer recortase diferenzas, marcador mínimo co que se chegaría ao descanso.
Na segunda parte o Poio Pescamar comezou mandando e a punto estivo de sentenciar cunha ocasión moi clara nas botas de Escribano á saída dunha falta, pero Almudena evitou o tanto visitante, dando paso a unha fase sen dominador claro e con escaso perigo de ambos os ataques, salvo un disparo desviado nunha contra de Luci para as conserveiras e outro remate afastado de Toñi para as pachequeras que despexaba Sandra Buzón.
A pouco menos de catro minutos do final, o Roldán optaba polo xogo de cinco, con Ángela Górriz, pero o Poio pechou ben todas as opcións e nun roubo de balón de Irene García, desde cancha propia, a mesma Irene sentenciaba co terceiro gol que xa sería definitivo, deixando ao Poio Perscamar como líder provisional a falta do encontro do Futsi ante Alcorcón.
STV ROLDÁN FS (1): Almudena; Mayte Mateo, Marian, Ángela Górriz e Lola (quinteto inicial). Tamén xogaron, Laura, Carmen, Noelia Montoro, Consuelo, Alba Gandía e Mariángeles.
POIO PESCAMAR (3): Sandra Buzón; Rocío, Laura Uña, Luci e Martita (quinteto inicial). Tamén xogaron, Anna Escribano, Dani Sousa, Irene García, Elena Aragón e Chiesa.
Colexiados: González Blaya e Nicolás Navarro. Recibiron cartolina amarela Dani Sousa e Laura Uña no Poio Pescamar.
Goles: 0-1, min. 4 Laura Uña. 0-2, min. 11 Anna Escribano. 1-2, min. 16 Carmen. 1-3, min. 39 Irene García.
Incidencias: Pavillón Gabriel Pérez (Torre Pacheco).