O Torreblanca agranda a ferida do Poio Pescamar

Poio
30 de novembro 2024
Actualizado: 01 de decembro

O conxunto conserveiro caeu por 0-2 ante o Melilla Torreblanca na Seca e encadea tres derrotas consecutivas na liga

Partido entre Poio Pescamar e Melilla Torreblanca na Seca Cristina Saiz

O Poio Pescamar continúa coas feridas abertas despois de encaixar a súa terceira derrota consecutiva na liga.

O equipo conserveiro caeu este sábado na Seca fronte ao Melilla Torreblanca por 0-2 e prolonga unha mala serie que lle obriga a reaccionar con urxencia se quere pelexar por entrar nos postos de play-off.

Arrincou o partido cunha dobre ocasión do conxunto visitante por medio de Nega e Bia, que obrigaron a Elena a empregarse a fondo para evitar o que puido ser o primeiro tanto do encontro.

Tras esa acción, o Poio Pescamar tomou as rendas do encontro e pasou a facerse coas accións ofensivas de perigo. Laura Uña buscou o gol ao cinco minutos e tamén Martita, que finalizou un contragolpe que detivo Bía.

A elas sumouse Rocío Molina, pero o seu disparo non atopou portaría; Ale de Paz, cun potente chute que a gardameta rival tivo que desviar a saque de esquina, e unha vez Laura Uña, pero de novo o contragolpe freouno Bía.

O cadro vermello continuou xerando perigo en área rival, pero foi o Melilla o que gozou da acción máis clara ao fío da primeira metade que Elena encargouse de deter.

Despois do paso polos vestiarios todo cambiou. Cumpríronse os primeiros dous minutos do segundo acto e Nega dinamitou o choque realizando unha boa presión en campo rival para terminar superando a Elena de disparo cruzado.

O tanto sentou como un xerro de auga fría ás xogadoras de López-Tulla, que non atoparon a maneira de remontar e de recuperar o control do esférico.

O Torreblanca, pola contra, puña máis terra polo medio aos 28 minutos de xogada ensaiada. Amadinha, desde a esquina, puxo o balón na frontal da área e Jane enganchouno para enchufarlo na rede local.

Tentou reaccionar o Poio Pescamar co xogo de cinco, pero non tivo opcións claras, caendo finalmente por un 0-2 que abre aínda máis as súas feridas.

Consulta a acta neste enlace