Tono Campos proclámase campión Europeo e agranda a súa lenda

Pontevedra
27 de xullo 2024

Gran actuación por parte dos deportistas galegos no Campionato de Europa de Piragüismo, que se está celebrando en Poznan, Polonia. Tono Campos levou o ouro, Tania Álvarez a prata e Diego Romero o bronce

 

Tono Campos e Diego Romero, no europeo de Poznan Federación Galega de Piragüismo

Gran actuación por parte dos deportistas galegos no Campionato de Europa de Piragüismo, que se está celebrando en Poznan, Polonia.

Un dos piragüistas que sobresaíu foi o pontevedrés Tono Campos, que se proclamou campión de Europa por sexta vez, tras unha esixente regata. O seu compañeiro de equipo no Club Breogán, Diego Romero, fíxose coa medalla de bronce.

Campos conquistou o título continental cun tempo de 01:52:34.02, seguido por Rui Lacerda, que marcou 01:52:43.87. Romero cruzou a meta 30 segundos despois do vencedor, cun tempo de 01:53:04.78.

O palmarés de Tono Campos, que xa inclúe 40 medallas internacionais, podería ampliarse na carreira do domingo de C2 xunto a Romero.

A tamén padeeira do Breogán, Tania Álvarez, logrou unha destacada medalla de prata na final de K1 sénior despois dun sprint fronte á italiana Susana Cicali, a húngara Zsofia Voros e a checa Katerina Milova. Álvarez terminou en terceira posición, pero unha sanción por unha acción antirreglamentaria de Cicali na ciaboga outorgoulle a medalla de prata. Así, o podio quedou con Vanda Kiszli en primeiro lugar, Tania Álvarez en segundo e Zsofia Voros en terceiro.

Nas xornadas do xoves e o venres, Candela Romero, do Club Náutico Pontecesures, conseguiu o bronce na proba de C1 xuvenil; Kevin Longo, do Club As Torres, fíxose co bronce na proba de C1 Sub-23, e Joaquín Iglesias, do Club Piragüismo Rías Baixas, colgouse a prata na proba de K1 Sub-23.