Toni Otero: "Tentei facer do Pontevedra un club máis profesional, non sempre se consegue"

Pontevedra
08 de marzo 2023

O ex adestrador e ex director deportivo do Pontevedra fixo unha valoración en Radio Pontevedra do seu paso de tempada e media por Pasarón, na que recoñece equivocarse na saída de Anxo Rodríguez e fracasar no seu intento de profesionalizar a parcela deportiva da entidade

Toni Otero, exadestrador e ex director deportivo do Pontevedra Mónica Patxot

O xa ex adestrador e ex director deportivo do Pontevedra, Toni Otero, valorou este mércores o seu paso durante tempada e media pola entidade de Pasarón. Diante dos micrófonos de Radio Pontevedra Cadena Ser, o técnico vigués recoñeceu sentir pena por non ser capaz de conseguir o obxectivo, admite cometer erros como non renovar ao adestrador do ascenso e, aínda que recoñece o mérito da xestión da presidenta Lupe Murillo, non se mordeu a lingua á hora de criticar aspectos nos que o club debe mellorar para ser máis profesional. 

As mensaxes cara á mandataria comezaron á hora de xustificar a confección do actual plantel."Houbo xogadores que se nos foron porque non chegamos, o Pontevedra ten un dos orzamentos máis baixos da categoría", argumentou antes de soltar que no Pontevedra "todo pasa por unha persoa e convencer a esa persoa non sempre é fácil". 

Neste sentido, Otero asume a responsabilidade de decidir renovar á maior parte do plantel de Segunda Federación. "Xa que non puidemos entrar no mercado competindo con outros equipos, eu entendía que a continuidade de moitos xogadores, para non ter que variar muchoas cousas, era primordial", xustifica á vez que recoñece que "ese plantel non está a dar o rendemento adecuado, agora verase"

Outro punto no que recoñeceu non estar dacordo con a propietaria é no asunto Miguel Román. "O tema levouno directamente Lupe. O club tivo as súas ofertas. A miña recomendación sempre foi que saíse. Un xogador que termina contrato é moi difícil de renovar.Debeu de saír pero Lupe preferiu o tema deportivo en lugar do económico. Eu díxenlle que era unha decisión que admiraba porque non deixa de ser diñeiro que ingresas. É algo bo para o afeccionado ver que a súa presidenta primou máis o aspecto deportivo que o económico", relatou.

Sobre a praga de lesións tamén lanzou un dardo á directiva. "Hai que valorar moito por que rompe o plantel. Os cambios de campo, de superficie, non poder adestrar en Pasarón. Alégrame que agora xa poidan facelo, co adestrador novo xa o están facendo. Os esforzos que un fixo para que pasase, ao final dan os seus froitos", sostén Otero mostrando a súa satisfacción por "que a presidenta entenda que hai que facer esforzos en certos puntos para mellorar o rendemento do equipo".

A comparecencia na que Murillo anunciou o cesamento de Otero e a chegada de Señor, na que a presidenta anunciaba profundos cambios no organigrama deportivo de fronte ao futuro inmediato, tamén mereceu a valoración de Otero. "Se cadra tívenme que marchar para que ela se de conta de que ten que investir en certas cousas", dixo sobre a intención do club de investir máis recursos na secretaría técnica, a preparación física e os servizos médicos. A modo de exemplo, declarou Otero que as viaxes para follear a outros clubs "pagueinos todos eu do meu peto", contrapuxo coa súa experiencia noutras entidades.

Tamén deu a súa opinión Toni Otero sobre como debe ser a toma de decisións na parcela deportiva do club. "Lupe fai un esforzo brutal por sacar este club adiante, é unha persoa superimplicada e recta no económico. Pero noutras cousas debería guiarse máis por profesionais. Pero ao final o club é dela. É unha persoa que quere ao Pontevedra e a xente debería apoiala. Se as decisións deportivas son as mellores? Eu podo dicir que discutín moitísimo con ela", afirmou.

Confesou tamén Toni Otero que no mes de novembro presentou a súa dimisión. "Tentei facer do Pontevedra un club máis profesional, non sempre se consegue. Un vaise porque esas cousas non se melloraron. En novembro díxenlle a Lupe que o meu ciclo aquí cría que se terminou", recoñeceu Otero para asumir tamén erros propios como non renovar a Ángel Rodríguez.

"O tándem Ángel Toni era un bo tándem e dáme pena non convencer a Lupe ou a Angel de seguir. É a maior pena que me queda e afectou ao devir do equipo", asume Otero.

No que non considera equivocarse é na fichaxe de Jon Bakero. "Asinamos a Bakero porque venia de ser o mellor nunha liga universitaria de Estados Unidos e dun primeira búlgaro con 8 ou 9 goles. Pensabamos que o rendemento ía ser bo. Leva un gol ou dous menos que outro dianteiro. Se imos á porcentaxe de minutos, igual algún tamén ten moitas cousas que dicir", dixo sen atreverse a dar o nome do futbolista ao que se refería. 

Tampouco considera equivocarse co mercado de inverno e mantense firme na súa decisión de apostar por xogadores novos como Víctor Casais ou Martín Diz. 

Tamén falou sobre a destitución de Antonio Fernández, do que segue dicindo que é o seu amigo e nega que tivese que ver co cambio de sistema a defensa de tres centrais; e a decisión de prescindir de Sergio Moreira afirmando que "non achegaba nada". 

Si que se mordeu a lingua sobre a contratación de Juan Señor. "Gustaríame que fose un adestrador galego. Non podo valoralo porque non o coñezo. Se salva ao equipo é que o plantel é bo. Espero que si a salve e o plantel dea un paso adiante e demostra que é un bo plantel porque o Pontevedra merece estar en Primeira Federacion", rematou.