Toni Otero: "Temos que gañar oito ou nove partidos e leste é o primeiro"

Pontevedra
03 de febreiro 2023

O adestrador do Pontevedra non poderá contar para o partido do domingo contra o Celta B cos lesionados Rufo, Brais, Borja e Bastos e son dúbida outros tres xogadores que arrastran molestias. Víctor Casais, máximo goleador do filial, viaxará co primeiro equipo a Vigo

Toni Otero dirixe un adestramento do Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

O Pontevedra afronta este domingo, ás 17 horas en Balaídos, un novo encontro transcendental para as súas opcións de permanencia en Primeira Federación. O equipo de Toni Otero visitará o Celta B con numerosas baixas, que obrigarán ao técnico para tirar da canteira para completar a convocatoria.

Descartados están os lesionados Brais, Borja, Bastos e Rufo, mentres que ao longo desta semana houbo outros xogadores que acabaron con molestias e que serán dúbida ata última hora. É o caso de Churre, Yelko ou Luís Martínez, quen sufriu un forte golpe nunha cella na sesión de adestramento deste venres e tivo que ser trasladado ao hospital para que lle realicen probas. Con todo, desde o banco confían en que non sexa máis que un corte e o central rioxano estea dispoñible para o partido.

"Son bastantes baixas, pero non temos que mirar demasiado iso", restou importancia Toni Otero, quen aos poucos vai amoldando o equipo ás súas ideas. "Aínda falta, pero mellorouse en actitude e hai moito rigor. Eles nótano e imos dando pasitos cara ao que nun futuro queremos. Pero hai falta tempo e recuperar xente", sinalou.

Para compensar as ausencias dos lesionados, esta semana tomaron parte dos adestramentos do primeiro equipo o central Arnosi e o dianteiro Víctor Casais, cos que o técnico está moi satisfeito. "Fixérono moi ben", recoñeceu para puntualizar que "estou moi contento con Víctor, vai ir convocado e pode xogar", recoñeceu. 

Con todo, o rival é un dos equipos máis en forma da categoría e non llo poñerá fácil ao Pontevedra. "A un adestrador preocúpalle todo. Son xogadores moi dinámicos, fortes, novos e que queren agradar. Veñen en dinámica moi positiva. Coa mesma actitude da fin de semana pasada, temos que igualar iso", pide Otero aos seus.

Ademais, xogar nun escenario como Balaídos é un factor aínda máis estimulante. "Xogar nun bo campo é unha motivación, aínda que nesta liga non nos podemos queixar dos campos", recoñece. Con todo, matiza que "a motivacion é que temos que gañar 8 ou 9 partidos e este é o primeiro. Temos que seguir crecendo e tendo a mesma actitude".

Aínda así, no vestiario seguen confiando en que a permanencia é posible. "O ano pasado a estas alturas o Adarve levábanos 8 puntos, dixen que iamos ser campións e fómolo. Creo o mesmo, non podemos ver se nos levan 6 puntos, temos que ver os partidos que gañar e a partir de aí sumar. Que os xogadores non busquen máis que un partido", sostén Otero, convencido de que se o equipo consegue gañar oito partidos seguirá un ano máis en Primeira Federación.