Toni Otero: "Sorpréndeme a presión que se xera sobre este club"

Pontevedra
12 de xullo 2021

"Se queremos que realmente este club creza hai que ter unidade", sinalou o director deportivo do Pontevedra Club de Fútbol reflexionando sobre a contorna granate

Rolda de prensa de Toni Otero no Estadio Municipal de Pasarón Cristina Saiz

Leva menos dun mes no cargo de director deportivo do Pontevedra Club de Fútbol, pero o pasado de Toni Otero como xogador do club fai que coñeza ben a casa granate. A pesar diso en só unhas semanas declarouse sorprendido polo ruído que xera a entidade no seu día a día.

"Estiven en diferentes sitios, diferentes cidades e con diferentes presións, e sorpréndeme a presión que se xera sobre este club", sinalou Otero nunha comparecencia convocada para valorar a planificación deportiva e na que terminou facendo unha reflexión sobre as críticas recibidas.

"Ninguén está contento co que se fai. Se tardamos moito porque tardamos moito, se tardamos pouco porque tardamos pouco, se é galego porque é galego, se é de fóra porque é de fóra. Sempre hai un problema", declarou, aínda que "a min non me xera ningún problema, só me sorprende", defende.

"Cada un é director deportivo deste club, cada un é adestrador" proseguiu na súa explicación en alusión a xornalistas e seguidores.

Otero aludiu ao feito de "estar cinco anos neste club, ser capitán e pasar os momentos quizais máis complicados deste club cunha lei concursal ou quita e espera naquel momento con Gerardo Lorenzo, con Nino despois, con situacións no antigo  Pasarón...", por iso pediu un esforzo á contorna que rodea ao equipo granate sinalando que "se queremos que realmente este club creza hai que ter unidade".

"Ao final de tempada, cando se teña ascendido ou non, se teñan feito as cousas ben ou non, aí que se critique, pero ata ese momento os que estamos somos os que imos estar" concluíu no que cualificou como "un pensamento máis meu que do club".