Toni Otero, sobre a saída de Ángel Rodríguez e a renovación de Yelko: "Se hai tres meses fixésemos o que propuxen non estariamos nesta situación"

Pontevedra
23 de xuño 2022

O director deportivo do Pontevedra Club de Fútbol, compareceu este xoves no Estadio Municipal de Pasarón para repasar a actualidade do equipo para a nova tempada. Sobre a saída do técnico, Ángel Rodríguez, explicou que era "a única opción para nós" e que lle presentaron a primeira proposta para renovar "hai 15 ou 20 días"

Toni Otero, director deportivo do Pontevedra
Toni Otero, director deportivo do Pontevedra

O director deportivo do Pontevedra Club de Fútbol, Toni Otero, compareceu este xoves no Estadio Municipal de Pasarón para repasar a actualidade do equipo para a nova tempada, despois de máis dun mes de silencio desde a entidade granate.

Tras a recente saída do técnico do ascenso, Ángel Rodríguez, e a súa fichaxe polo Hércules, Otero quixo desexarlle "moita sorte", porque "á parte do adestrador, vaise un amigo", explicando posteriormente a preguntas dos medios que "está claro que se non está todos fixemos algo mal", e recoñecendo que "non falei con ningún adestrador porque a opción para nós era Ángel". Iso si, a primeira da dúas proposta de renovación que lle presentaron ao preparador leonés produciuse "hai 15 ou 20 días".

"Se fose fai tres meses chegásemos a un acordo", asegurou o director deportivo nuns termos similares aos que utilizou posteriormente para referirse aos esforzos por renovar a Yelko Pino. "Se hai tres meses fixésemos o que propuxen non estariamos nesta situación", asegurou tallante antes de sinalar que "Lupe está a facer un esforzo para que quede".

"Non falei con ningún adestrador porque a opción para nós era Ángel"

Sobre a súa propia situación dentro do club, Toni defendeu que "non deixei de traballar. Estou aquí sentado, iso quere dicir que sigo no club", revelando que "son o responsable de proproner o que se ten que facer". Pero, quen negocia entón con xogadores e adestradores?, "Negocia o club, dá igual quen sexa", sinalou.

Pechado xa o capítulo de Ángel Rodríguez, as miradas viran agora cara a quen será o novo adestrador, aínda que non é un aspecto que pareza correr especial présa. "O ano pasado foi unha semana antes de empezar a pretempada, así que ata aí hai marxe", declarou Otero, sen descartar mesmo que a solución poida estar na casa: "Todo se pode dar. A miña prioridade sempre é casa, galego, fóra, por esa orde. Se a solución é interna mellor", avanzou o responsable da dirección deportiva.

O importante ao seu criterio será buscar un adestrador "que de continuidade ao proxecto que hai" e se adapte á maneira de xogar xa ao plantel confeccionado xa a pasada tempada, xa que a intención é manter á base do equipo.

En todo caso, ante a esixencia dunha liga como a Primeira RFEF, reforzarse será obrigado xa que "non nos vale só co que temos na casa, hai que acertar cos sub-23", avanzando ademais novidades nunha cantea na que "vai haber cambios".

Por último, sobre a repartición de grupos de competición, Toni Otero confirmou que no Pontevedra "non estabamos de acordo con este grupo", polo que "apoiaremos o cambio ou que se volva a votar", en relación ás presuntas irregularidades no voto da Real Sociedad B que terminou decantando a división aprobada. Todo porque se prevé ademais unha liga moi dura na que "vai haber verdadeiros transatlánticos. O Hércules non subiu o ano pasado cun orzamento de 2,5 millóns, así que imaxina o que hai na Primeira RFEF". Tocará pois "agudizar o enxeño" para configurar un plantel de garantías.