Toni Otero, sobre a opción de fichar a Sergio Marcos e Jon Bakero: "Falamos, as súas pretensións son altas e oxalá puidesen vir"

Pontevedra
18 de xullo 2022

Un erro no envío de información de cara ao comezo de tempada fixo saír á luz o nome de tres futbolistas que interesaban ao Pontevedra Club de Fútbol. Un deles, o central Jordi Figueras, está xa descartado tras renovar co Algeciras, pero o director deportivo recoñeceu este luns os contactos polo centrocampista Sergio marcos e o dianteiro Jon Bakero

Toni Otero, director deportivo do Pontevedra Mónica Patxot

Un erro no envío de información de carea ao comezo de pretempada fixo saír á luz este domingo o nome de tres futbolistas que interesaban ao Pontevedra Club de Fútbol, e que enseguida foron borrados da lista do primeiro adestramento do curso.

Tratábase do central Jordi Figueras, o centrocampista Sergio Marcos e o dianteiro Jon Bakero, aos que se referiu este luns o director deportivo granate, Toni Otero.

"Tiña dúas fotografías, unha que estaba a traballar co míster con opcións para vir, e outra coa pretempada. Sen querer mandei a que non era, a que estaba a traballar co míster. O erro é meu, eu son quen se equivoca ao mandar a fotografía", xustificou Otero a pesar da rápida rectificación desde o club.

Trátase en todo caso, defende, de opcións para reforzar ao equipo, e de feito unha xa é inviable. "Queriamos a Jordi, estaban as negociacións bastante avanzadas e polo que sexa rompeu e asinou no Algeciras", revelou sobre a súa renovación co club andaluz.

En canto a Sergio Marcos, centrocampista que o pasado curso defendeu as cores do Racing de Santander e previamente estivo entre outros na Cultural Leonesa, e Jon Bakero, dianteiro do Slavia Sofía e fillo do ex-xogador do Barcelona José María Bakero, "é certo que falamos, as súas pretensións son altas e oxalá puidesen vir", explicou o director deportivo afirmando que "traballamos esas opcións e máis".

En todo caso, Toni Otero avanza que o mercado de fichaxes "vai ir lento, con paciencia", xa que agora mesmo "está polas nubes, é unha barbaridade, creo que é inviable nestes momentos para nós. O noso orzamento é o que é e con iso imos facer un bo equipo, pero sen malgastar o diñeiro e coller o primeiro que veña", defendeu.

Por último o responsabvle da planificación deportiva aclarou a situación dos defensores Pacheco e Samu Santos, os grandes ausentes da primeira sesión da pretempada do primeiro equipo, ao contar con contrato en vigor. No caso do primeiro, o seu destino será o filial de Preferente, mentres que Samu "buscóuselle unha saída que en breve se comunicará", confirmou.