Todos a un tempo polo ITU Multisport Festival

Pontevedra
29 de marzo 2019

Cun acto institucional celebrado no CITA, a corporación municipal e as diferentes administracións escenificaron a súa unidade co gran evento do ano na cidade que entra na recta final da súa conta atrás, a menos dun mes para o seu comezo

Conta atrás para o ITU Multisport Festival de tríatlon Mónica Patxot

O Centro de Interpretación das Torres Arzobispales (CITA) foi escenario este xoves dun acto institucional co que se entra na recta final da conta atrás do gran evento deportivo do ano na cidade e en Galicia, o ITU Multisport Festival, a menos xa dun mes para a súa celebración.

Representantes dos diferentes grupos da corporación municipal, encabezados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais da presidenta da  Deputación, Carmela Silva, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, evidenciaron a unidade con respecto ao que supón a nivel deportivo e económico acoller en Pontevedra os campionatos do Mundo de tríatlon de longa distancia, tríatlon cros, dúatlon, acuatlón e aquabike.

"Estamos listos para que Galicia e Pontevedra se convertan no epicentro do deporte mundial", sinalou por exemplo o máximo responsable do deporte autonómico.

Tamén interveu no acto uno dos grandes embaixadores do ITU Multisport, o triatleta pontevedrés Pablo Dapena, actual campión do Mundo de longa distancia.

Ao final, un brinde serviu para pedir un desexo conxunto, que a organización sexa todo un éxito e que Pontevedra, do 27 de abril ao 4 de maio, convértase en toda unha festa deportiva que leve a boa imaxe da cidade aos cinco continentes.