Todo a punto para recibir aos 1.300 participantes do Campionato de España de Orientación

Pontevedra
22 de marzo 2016

A cidade de Lérez será o centro neurálxico, desde o xoves 24 de marzo ata o domingo 27, dunha competición que tamén chegará ao Grove, Moraña e Pazos de Borbén. "Sabemos que Pontevedra está preparada para un evento internacional importante", recoñece na presentación do campionato o representante da Federación Española

Presentación do Campionato de España de Orientación a Pé Mónica Patxot

O Club Montañeiros A Roelo afánase estes días en ultimar os últimos detalles do que supón para eles un grande reto organizativo, o Campionato de España de Orientación Deportiva a Pé.

Pontevedra será o centro neurálxico da proba desde o xoves 24 de marzo e ata o domingo 27, nunha competición que conta con preto de 1.300 deportistas inscritos e que chegará ata O Grove, Moraña ou Pazos de Borbén.

O xoves 24 os participantes afrontarán o Model Event, unha carreira non puntuable que serve de adestramento antes dos grandes restos da fin de semana.

A competición oficial arrincará o venres 25 coa carreira de longa distancia no monte de Moscoso (Pazos de Borbén) a partir das 9:00 horas e a O-Precisión, categoría pensada para que "atletas paralímpicos compitan en igualdad de condiciones" desde as 14:30 horas no Lago de Castiñeiras.

O sábado pola súa banda terá lugar a competición por remudas no monte Acibal (Moraña) en horario de mañá e a que será unha das probas máis rechamantes, o sprint ou carreira rápida que terá como escenario o centro histórico de Pontevedra.

Para a última xornada, o domingo, quedará a carreira de media distancia no monte Siradella (O Grove).

Moitos quilómetros de campionato e unha complexa infraestrutura que necesita de "120 persoas por día na organización" recoñeceu na presentación Manuel Beloso, presidente de A Roelo. Con todo non se conforman e desde a mesma Federación Española sinalan que "Pontevedra está preparada para un evento internacional importante", explicou José Samper. Toda unha declaración de intencións.