Toda a información do ITU Mulstisport Festival de tríatlon, en 13 infografías

Pontevedra
16 de xaneiro 2019

O Concello de Pontevedra presentou este mércores os mapas elaborados para explicar a deportistas e a toda a cidadanía todos os detalles dos campionatos do mundo de tríatlon que se celebrarán na Boa Vila do 27 de abril ao 4 de maio

Mapa co percorrido do Mundial de Tríatlon de Longa Distancia ITU Multisport Festival Pontevedra

A organización do ITU Multisport Festival, que converterá Pontevedra no centro do tríatlon mundial entre o 27 de abril e o 4 de maio, segue dando pasos para tentar que o evento sexa un éxito a todos os niveis.

O último foi a presentación no Concello de Pontevedra dos mapas cos que informarán os deportistas e aos cidadáns de todos os detalles dos diferentes campionatos mundiais que se celebrarán na  Boa Vila, con percorridos, horarios e outros datos de interese.

"Son 13 infografías que conteñen todos os datos precisos para o seguimento das carreiras", explicou a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañada do autor dos mapas, Xan Sabarís.

Estas infografías, ademais de incluírse na revista oficial do evento que está previsto editar, difundiranse principalmente a través da internet e nas redes sociais, podendo descargarse a través da web dos campionatos www.pontevedra2019.org.

Tamén se achegará toda a información aos municipios veciños polos que pasarán os percorridos, explicou a edil.