Toca remontar en Pasarón: O Pontevedra cae (1-0) ante o Mensajero ao ignorar o árbitro un claro penalti sobre Jorge

Pontevedra
24 de maio 2015
Actualizado: 17:30

Os granates mereceron polo menos a igualada nun partido intenso, disputado pero sen demasiadas ocasións de perigo. O forte vento que sopraba na illa de La Palma condicionou o xogo de ambos os dous equipos. O Pontevedra se viu claramente prexudicado a falta de catro minutos para o final, ao non sinalar o colexiado un claro penalti por empuxón e derrubamento de Dani Hernández sobre Jorge

Chegada do Pontevedra ao campo do Mensajero PontevedraViva

Tocará remontar en Pasarón. Un gol de Yeray Pérez, no minuto 43 de partido, aproveitando un balón solto nun rexeitamento, puxo por diante ao CD Mensajero, na eliminatoria de campións do play-off de ascenso a Segunda B contra o Pontevedra. Os granates mereceron polo menos a igualada nun partido intenso, disputado pero sen demasiadas ocasións de perigo. O forte vento que sopraba na illa de La Palma condicionou o xogo de ambos os dous equipos.

Pero non foi só o vento un factor determinante. A lesión de Bruno ao fío da media hora, que obrigou a Luisito a efectuar retoques tácticos, atrasando a Kevin Presa á posición de central, acusouna o xogo do Pontevedra, que ademais se viu claramentre prexudicado a falta de catro minutos para o final, ao non sinalar o colexiado un claro penalti por empuxón e derrubamento de Dani Hernández sobre Jorge, cando quedaba só ante a meta local.

A tensión dun partido con tanto en xogo deixouse notar dende antes do comezo. Os granates foron recibidos por unha afección local, menor en número do que se esperaba, pero que non deixou de animar nin un instante. A pesar diso o Pontevedra non se deixou intimidar.

Obrigado de forma incomprensible a facer a súa aparición no terreo de xogo en solitario, en lugar da xa habitual "saída fair-play", cos dous equipos e trío arbitral xuntos, os granates optaron por xogar o "outro fútbol" elixindo a parte do campo na que adoitan acomodarse os xogadores locais, resistíndose a cambiar de lado durante un par de minutos, sen facer caso das peticións dos auxiliares do Mensajero e rivais, que lles sinalaban que se fosen ao lado contrario.

Tras o "desafío ao sol", os granates cambiaron de campo, mentres a bancada lles dedicaba unha sonora apupada, con abundantes improperios. Logo botou a rodar o balón. E contrariamente ao que se podía esperar dun comezo forte do Mensajero, foi o Pontevedra o que se fixo co control do partido, premendo moi arriba e manexando o balón e os tempos do partido.

Os granates estaban cómodos. Pedro García, Kevin Presa e Álvaro Muñiz mandaban. O Pontevedra provocaba varias accións a balón parado, pero nesta ocasión Mouriño non estivo atinado nos lanzamentos. Ata que chegou a primeira ocasión seria. Foi para Tubo, que aproveitou unha indecisión entre Dani Hernández e Kilian, se levou o balón, pero coa portaría baleira e pouco ángulo, mándoa arriba. Era o minuto 17.

Logo moita intensidade, pero pouco xogo. O Mensajero só chegaba a balón parado, sempre a través dos lanzamentos de Yeray Pérez. O máis perigoso aos 25 minutos, sacouno Edu con apuros.

Superada a media hora chegaba a inoportuna lesión de Bruno, que tiña que retirarse cun forte golpe na coxa. Sería unha das claves. Luisito deu entrada a Fran Fandiño, pasando a Campillo ao lateral e atrasando a Kevin Presa ao central. O Pontevedra acusouno. Aínda que sen pasar apuros, o Mensaxeiro se fixo dono do centro do campo e os granates, co vento en contra, perderon chegada á área rival.

Nesas estabamos, esperando o descanso, cando dunha acción illada e desafortunada, minuto 43, nace o único gol do partido. Yeray Pérez encóntrase cun balón rebotado na área e pono lonxe do alcance de Edu cun tiro cruzado e axustado á base do poste.

Non fixo falta máis que ver a primeira xogada da reanudación para saber que o Mensajeio asinaba o resultado. Os canarios comezaron a perder tempo, a intentar romper o ritmo atrasando calquera acción a balón parado, saques de banda ou faltas. E o Pontevedra pasou a dominar novamente, aínda que as accións de perigo eran escasas.

Agora o vento era favorable aos granates. Ademais de facer pouco menos que imposible que o Mensajero pisase campo contrario cun mínimo de posibilidades, o desgaste físico do primeiro tempo fixo dano ao equipo de Miguel Cid, que usou e abusou de balóns frontais cara a Natanael, sempre ben controlado, ou esperar a aparición do seu xogador de máis calidade, Yeray Pérez.

Pablo Carnero intentouno (minuto 55), pero o seu remate marchou excesivamente cruzado. Logo, na súa única acción perigosa de todo o segundo tempo, o Mensajero estivo preto de sacar petróleo da calidade de Yeray Pérez no lanzamento dunha falta frontal, minuto 67, que estrelou no longueiro.

Ata o final sería un acoso permanente do Pontevedra, que mereceu polo menos o empate. A punto estivo de logralo Capi, minuto 79. O seu remate de cabeza á saída dun corner, salvouno milagrosamente Kilian, cando os poucos galegos presentes xa cantaban o gol.

Logo viría a xogada polémica, minuto 86. Dani Hernández empurra e derruba nun salto dentro da área a Jorge. Era penalti claro, xa que ademais o dianteiro se quedaba só ante o meta. O árbitro, que ata aí realizara un bo labor, fíxose o "sueco" deixando seguir o xogo e obrigando o Pontevedra a remontar en Pasarón, algo que polas sensacións deixadas por uns e outros neste partido é perfectamente factible para os de Luisito.

Se hai 31 anos, neste mesmo escenario e co mesmo rival tamén se perdeu pola mínima para logo golear en Pasarón, haberá que intentalo de novo.

CD MENSAJERO (1): Kilian (3); Fede (2), Dani Hernández (1), Jaime (2), Juanda (2); Yeray Pérez (3), Silvano (1), Rayco González (2), Iray Barreto (1); Iván Linch (1) e Natanael (1).

Substitucións: Víctor Lorenzo (1) por Iván Linch, minuto 72. Guille (s.c.) por Iray Barreto, minuto 86. Cristian (s.c.) por Yeray Pérez, minuto 90.

PONTEVEDRA CF (0): Edu (2); Adrián (2), Campillo (3), Capi (2), Bruno (2); Kevin Presa (3); Tubo (2), Álvaro Muñiz (3), Pedro García (3), Mouriño (2); e Pablo Carnero (2).

Substitucións: Fran Fandiño (1) por Bruno, minuto 31. Anxo (2) por Tubo, minuto 72. Jorge (1) por Pablo Carnero, minuto 82.

Árbitro: Jerónimo Montes García Navas (Madrid), auxiliado nas bandas por Iván Masso Granado e Álvaro Tejedor Mazario. Amoestou a Kilian, Fede, Juanda, Silvano, Rayco González, Iray Barreto e Yeray Pérez, polo equipo canario, e a Pedro García, Kevin Presa, Mouriño e Campillo, polo Pontevedra.

Goles: (1-0) Minuto 43: Yeray Pérez.

Incidencias: Campo Silvestre Carrillo (Santa Cruz de La Palma). Partido de "ida" da eliminatoria de campións polo ascenso a Segunda División B. Uns 1.200 espectadores. Gardouse un minuto de silencio por Esteban Hernández Galván, presidente do Colexio de árbitros de Las Palmas e por Isidro Acosta Hernández, delegado do Colexio de árbitros de La Palma e exxogador do Mensajero.