O concelleiro de Deportes en Pontevedra, Tino Fernández, asegurou este luns vivir "con preocupación" a situación desencadeada no Complexo Deportivo Rías do Sur tras a decisión da empresa concesionaria, Supera, de pechar as instalacións de auga na piscina olímpica.
"Estamos falando dunha instalación estratéxica para o deporte pontevedrés e incluso para o galego", defende Fernández revelando que "estamos a manter contactos" coa Fundación Rías do Sur na procura dunha solución.
"Non queremos alternativas que supoñan un parche, queremos unha alternativa que busque unha solución permanente ou que permita que nos próximos anos os clubes de Pontevedra non padezan", sinalou o edil ante unha situación que "colleunos de sorpresa".
A pesar da decisión repentina de Supera, tomada de forma simultánea en moitos dos seus centros a nivel nacional, o concelleiro de Deportes explica que levan tempo falando coa Fundación sobre a posibilidade de prestar axuda, por exemplo facéndose cargo dunha renovación nas luminarias do complexo para dotalo de luces de baixo consumo e que supoñería "un importante investimento por riba dos 50.000 euros".
En todo caso "estamos a falar de cartos, non nos imos a enganar", asegurou criticando que polo momento decoñecen "por que non lle saen as contas, falan da alza dos suministros pero non sabemos ata que punto esa alza provoca un deficit".
Mentres non chega esa demandada solución, na que esperan manter o apoio do resto de institucións, o goberno local sinalou que está tenta colaborar cos clubs afectados para atopar "solucións temporais".