Teucro e Cisne velan armas para o derbi pontevedrés da División de Honra Prata

Pontevedra
01 de outubro 2021

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acolle este sábado 2 de outubro (20.00 horas) o encontro de rivalidade local na División de Honra Prata, correspondente á segunda xornada de liga

Adestramento do Teucro 21-22 no Pavillón Municipal Mónica Patxot

É só a segunda xornada de liga na División de Honra Prata, pero un derbi entre Sociedad Deportiva Teucro e Club Cisne Balonmán é sempre un partido especial.

"Son partidos complicados, nos que hai que tratar que a paixón que ten un derbi non apareza nos xogadores", recoñece o segundo adestrador do cadro  cisneísta, Quiños.

Os dous equipos pontevedreses veranse as caras este sábado 2 de outubro (20.00 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes, cos azuis como locais e xa con menos restrición no aforo para os afeccionados.

O conxunto adestrado por Irene Vilaboa chega á cita tras unha derrota na súa estrea, pero aínda que "o primeiro partido non nos saíu ben pero que ninguén dubide que este Teucro vai deixar todo na pista", defende a preparadora sobre o seu equipo, que avanza "este ano vai plantar cara a todos os equipos, sobre todo na casa".

Vilaboa recoñece sobre o seu rival que conta "cun ritmo de competición máis alto que moitos dos que estamos en Prata polo seu paso por Asobal hai uns meses", aínda que defende que iso non será impedimento para pelexar polos puntos en xogo.

Pola súa banda desde o Cisne sinálase como clave "conseguir que o Teucro non corra. Atópase moi cómodo correndo en transición, así que hai que darlle as menos opcións posibles de correr", analiza un Quiños que pide aos seus un "partido traballado desde a defensa, mantendo a boa liña defensiva da semana pasada", sinala sobre a súa notable estrea en liga con triunfo ante o Novás.