Os azuis queren que se declare nula a tempada e os brancos que se xogue o que resta e que no caso de que sexa imposible haxa ascensos, pero non descensos.
A incerteza que pesa sobre o futuro das competicións deportivas suspendidas polo decreto do estado de alarma levou á Real Federación Española de Balonmán a enviar unha enquisa aos clubs para coñecer a súa opinión sobre que facer coa presente tempada. A predisposición para xogar a porta pechada durante os meses de xuño e xullo, que facer con ascensos e descensos no caso de que sexa imposible volver ás canchas ou data límite para retomar os partidos son as cuestións que a federación trasladou aos clubs.
O líder da División de Honra Prata, o Cisne, quere concluír a liga aínda que teña que ser a porta pechada. Pero matizan, "estamos dispostos a xogar en xuño, pero non en xullo e tampouco semanas con dobre xornada", declara o presidente da entidade, Santi Picallo. Na beira de en fronte son máis tallantes. "Suspender a liga e que se anule a competición, sen ascensos nin descensos", defende en nome do Teucro o membro da xunta xestora José Ameijeiras.
É nas consecuencias do parón no punto no que maiores diferenzas hai entre as posturas de ambos os clubs. O Cisne, que ía camiño de lograr o ascenso e en vista de que volver ás canchas vai resultar complicado, pide "que haxa ascensos pero non descensos, en Asobal non poñerán problemas por ampliar o número de equipos e así non se prexudica a outros clubs galegos como Cangas, Porriño ou mesmo o Teucro", sostén Picallo.
A proposta do Cisne pasa por competir todas as xornadas posibles ata que conclúa xuño e organizar a última fin de semana a fase de ascenso para asignar as prazas da próxima tempada en Asobal e División de Honra Prata. Con esta visión, desde a casa branca entenden que o 23 de maio sería a data límite para volver competir.
"Quedaba moito por xogar e moito por decidir tanto por arriba como por abaixo", contrapón Ameijeiras, quen lembra que a situación variaría moito en función da xornada na que se realice o corte para dar por finalizada a tempada, xa que desde a Federación pregúntalles se ter en conta todo o xogado ou só a primeira volta da liga.
Con todo, antes de que regresen os partidos, os planteis necesitarán unha intensa pretemporada. "Quince días son insuficientes, farían falta polo menos seis semanas", engade Ameijeiras outro argumento á tese teucrista de anular a competición.
O Teucro, que foi dos primeiros equipos do país en deixar clara a súa postura sobre o futuro da liga, mantén a súa posición porque entenden que "é imposible continuar, os contratos acaban o 30 de maio, habería que planificar viaxes... O mellor é mandar á xente ás súas casas e empezar a pensar na próxima tempada que vai ser moi complicada a nivel económico", mantén o directivo azul.
O malestar teucrista cos dirixentes federativos é evidente. "Esta proposta chega tarde, o presidente xa dixo que quere que haxa ascensos e descensos, ademais a enquisa non é vinculante", remata o dirixente pontevedrés, que esixe que se antepoña a saúde dos xogadores por encima de todo.