Teresa Portela e Susana Rodríguez estrean aula propia na facultade de Fisioterapia

Pontevedra
15 de novembro 2021

A facultade pontevedresa realizou este luns unha homenaxe ás dúas medallistas olímpicas, ex-alumnas do centro e cuxo nome pasa a presidir as aulas 1 e 2 do edificio da Xunqueira

Homenaxe a Teresa Portela e Susana Rodríguez na facultade de Fisioterapia de Pontevedra Universidade de Vigo

A facultade de Fisioterapia, no campus de Pontevedra, rendeu este luns unha sentida homenaxe a dúas das súas ex-alumnas máis ilustres, as medallistas olímpica e paralímpica Teresa Portela e Susana Rodríguez.

Na homenaxe, no que estiveron presentes entre outros o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, descubríronse as placas polas que as aulas 1 e 2 deste centro pasan a denominarse, respectivamente, Aula Susana Rodríguez Gacio e Aula Teresa Portela Rivas.

Este cambio de denominación recóllese no acordo adoptado o pasado mes de outubro pola Xunta de Facultade, no que se decidiu homenaxear ás ex-alumnas por ser un "claro exemplo de disciplina, seriedade, constancia, tenacidade, perseveranza e modestia", sinalou a decana Eva María Lantarón.

Unha das protagonistas da xornada, a piragüista Teresa Portela, recoñeceu que "é un pracer incrible que apareza o meu nome nunha das aulas nas que cursaba materias", poñendo de relevo a importancia que para ela tiña formarse academicamente. "Significa unha constancia e un traballo diario, pero é posible", engadiu a medallista de prata en Tokyo e seis veces olímpica.

En canto a Susana Rodríguez, a triatleta viguesa reiterou tamén na súa intervención que "seguir á vez unha carreira deportiva e universitaria é posible".