Teresa Portela e Antía Jácome contan as horas para participar nos Xogos Olímpicos

Pontevedra
01 de agosto 2021

Unha semana despois do comezo dos Xogos Olímpicos, chega o ansiado momento do piragüismo en augas tranquilas, ese deporte que tantas alegrías nos deu ao longo da historia sendo o deporte máis laureado no noso país. Agora si, Teresa Portela e Antía Jácome, como opcións pontevedresas, contas as horas para subirse á piragua e estrear a súa participación en Tokyo 2020

Antía Jácome e Teresa Portela co equipo español de piragüismo en augas tranquilas en Tokyo 2020 Federación Española de Piragüismo

Unha semana despois do comezo dos Xogos Olímpicos, chega o ansiado momento do piragüismo en augas tranquilas, ese deporte que tantas alegrías nos deu ao longo da historia sendo o deporte máis laureado no noso país.

Agora si, Teresa Portela e Antía Jácome, como opcións pontevedresas, contas as horas para subirse á piragua e estrear a súa participación en Tokyo 2020.

O luns 2 de agosto será a quenda da canguesa adoptada como veciña da cidade do Lérez que, cos seus 39 anos, iniciará o camiño do que serán os seus sextos Xogos Olímpicos. Será en K-1 200, unha competición que se lle resiste desde o seu debut en Sydney 2000, foi quinta en Atenas 2004 e Pequín 2008, cuarta en Londres 2012 e sexta en Río.

Con 15 medallas en mundiais e 17 en europeos, Portela afrontará este luns a partir das 2:30 horas da madrugada a súa participación no país nipón, coas series clasificatorias do K-1 200. Ao día seguinte, o martes 3 de agosto ás 2:30 horas serán as semifinais e, a gran final, será ás 4:37 do mesmo día.

Pola súa banda, Antía Jácome disputará as súas primeiras Olimpíadas o mércores 4 de agosto a partir das 2:58 horas nas series do C-1 200 metros. Os cuartos de final están fixados para ese mesmo día ás 4:53 e, en caso de seguir adiante, a pontevedresa volverá subirse á piragua para competir nas semifinais, que terán lugar o xoves 5 ás 2:44 horas. A final será dúas horas despois, ás 4:43 horas.

Con Portela e Jácome pecharanse as participacións do pontevedrés nos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020, pero os ollos tamén estarán postos no cangués Rodrigo Germade no K-1 (4 e 5 de agosto) e o K-4 de piragüismo (6 e 7) e, no tamén cangués Rodrigo Currais, que espera rival para os cuartos de final en balonmán.