Tere Abelleira realizaba este sábado 30 de decembro un repaso á súa traxectoria persoal e futbolística nun acto celebrado no Teatro Principal de Pontevedra.
A futbolista pontevedresa, campioa do mundo de fútbol coa selección española, mantiña unha charla coa xornalista Nieves Amil nun acto en que se presentaba o libro 'Campioa', un encargo da concellería de Deportes, que dirixe Anabel Gulías, a Lela edicións, dentro dunha colección de biografías de mulleres galegas destacadas.
As persoas asistentes recibiron o libro de agasallo no que se relata unha pequena biografía da campioa do mundo.
Ao acto asistía o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen destacaba a figura da actual xogadora do Real Madrid. O rexedor e a futbolista serán tamén protagonistas este domingo 31 ao ser os encargados de dar a saída á carreira popular de San Silvestre na avenida de Bos Aires.
A publicación de 'Campioa' ofrece ilustracións de Tania Solla e a biografía está elaborada por Polo Correo do Vento.