Despois de xornadas de incerteza, a nova seleccionadora española absoluta, Montse Tomé, deu a lista para a súa primeira convocatoria, e nela está a pontevedresa Tere Abelleira.
A centrocampista do Real Madrid é unha das 15 campioas do Mundo incluídas na convocatoria para as dúas primeiras xornadas da Natiolns League, competición na que España buscará a clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.
Tere é unha das 39 internacionais que asinou un documento hai días esixindo máis cambios á Real Federación Española de Fútbol, tras a dimisión de Luis Rubiales e a destitución de Jorge Vilda. Delas, 20 foron chamadas pola Selección, incluíndo algunhas das futbolistas que renunciaron no seu momento ao combinado nacional e que non volveran a unha lista.
A que non está citada nesta ocasión é Jenni Hermoso porque "a mellor forma de protexela era non convocala", afirmou en rolda de prensa Montse Tomé.
"Vivimos unha situación especial e algo excepcional. A Federación traballou para falar con elas e traballar con elas e temos moita ilusión no camiño de agora na Nations League", sinalou ademais a nova adestradora sobre o comunicado das futbolistas.
Nesta ventá internacional a Selección Española ten previsto medirse o vindeiro xoves 20 de setembro a Suecia en Goteborg (18.30 horas) e o martes 26 a Suíza en Córdoba (21.00 horas).