Tere Abelleira, 'entre algodóns', apura as súas opcións de estar na fase final da Liga de Nacións

Pontevedra
21 de febreiro 2024

A centrocampista pontevedresa e o dobre balón de ouro Alexia Putellas seguen sen ter a alta médica a poucos días da semifinal da UEFA Women's Nations League, exercitándose ambas as dúas a menor ritmo. A seleccionadora deberá tomar unha decisión sobre a súa continuidade na convocatoria nas próximas horas

Tere Abelleira e Alexia Putellas, nun adestramento da Selección Española Absoluta RFEF

A Selección Española Absoluta de Fútbol vive este mércores a súa terceira xornada de concentración en Las Rozas para a fase final da UEFA Women's Nations League que se inicia este mesmo venres 23 de febreiro coa semifinal fronte a Países Baixos no estadio sevillano de La Cartuja.

Faino aínda sen despexar a incógnita sobre o estado físico da pontevedresa Teresa Abelleira e o dobre balón de ouro Alexia Putellas, ambas as dúas sen a alta médica e exercitándose a menor ritmo tras perder os últimos partidos nos seus equipos por lesión.

Tere e Alexia son dúas futbolistas fixas para Montse Tomé, que decidiu incluílas na lista para esta xanela internacional a pesar dos seus problemas físicos. De feito citou a 25 futbolistas ante a previsión de que non se recuperasen, e é que só 23 xogadoras poderán entrar na convocatoria final.

As horas corren na súa contra, pois este xoves a seleccionadora debe confirmar á UEFA a lista final para a semifinal de Liga de Nacións, na que España xoga o pase aos Xogos Olímpicos.

Polo momento, Abelleira e Putellas seguiron un plan específico de recuperación, sen comparecer sobre o céspede na sesión inicial do pasado luns e traballando a menor ritmo este martes nun adestramento a porta pechada.

No caso de ser finalmente descartada, dáse a circunstancia de que se España acaba levantando o título da Liga de Nacións a centrocampista pontevedresa do Real Madrid quedaría sen medalla de campioa a pesar de defender á Selección durante toda a primeira fase, incluíndo o encontro fronte a Italia disputado no Estadio Municipal de Pasarón. Polo menos quedaríalle o premio da clasficación olímpica coa esperanza poder participar o próximo verán nos Xogos de París.