Tere Abelleira e o resto de internacionais acoden á convocatoria da Selección para evitar ser sancionadas

Pontevedra
19 de setembro 2023

A futbolista pontevedresa presentouse este martes no hotel de concentración para evitar posibles sancións por incomparacencia, que podían supoñerlle segundo a Lei do Deporte unha inhabilitación de entre 2 e 15 anos ademais dunha multa económica

Tere Abelleira, con cara seria, no inicio da concentración da Selección Española de Fútbol EFE / Rodrigo Jiménez

Con cara seria e sen facer declaracións. Así se presentou este martes Teresa Abelleira nun hotel próximo ao aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas para unirse á concentración da Selección Española Absoluta.

A deportista pontevedresa acudiu finalmente á chamada do equipo nacional, pese ao rexeitamento á mesma xunto á gran maioría de internacionais a través dun comunicado a última hora do luns. Fíxoo, todo indica, para evitar ser sancionada.

Non é un asunto menor, e é que segundo establece a Lei do Deporte do ano 2022 a falta de asistencia non xustificada ás convocatorias das seleccións deportivas nacionais é unha infracción cualificada como moi grave que pode supoñer unha inhabilitación de entre 2 e 15 anos, ademais dunha multa económica que oscilaría entre os 3.000 e os 30.000 euros.

Cabe lembrar que tras ser publicada a convocatoria as xogadoras que pedían cambios de maior calado na estrutura do fútbol feminino nacional, entre elas Abelleira, aseguraron que "o expresado no noso comunicado deixa claro e sen ningunha opción a outra interpretación nosa firme vontade de non ser convocadas por motivos xustificados. Estas afirmacións seguen plenamente vixentes", afirmando que a citación non se produciu en tempo e forma e entendendo que "a RFEF non se atopa en disposición de esixirnos acudir á mesma".

Con todo, para evitar un prexuízo ás súas carreiras deportivas, finalmente as futbolistas acudiron á chamada aínda que mantendo as súas discrepancias.

Tere Abelleira, do mesmo xeito que o resto de convocadas do Real Madrid e Atlético de Madrid sumáronse á concentración nun hotel da capital, mentres que o resto da expedición estaba chamada a facelo en Valencia.