Pontevedra Club de Fútbol e Navalcarnero contan as horas para medirse este domingo (17:00 horas) por terceira vez neste mes.
Tras a eliminatoria de Copa Federación que se decantou en favor dos granates, ambos os dous equipos volven á realidade ligueira aínda que con obxectivos opostos, co conxunto madrileño loitando por escapar dos postos de descenso e o Pontevedra tentando non descolgarse da pelexa polo play-off.
"No va a ser un partido fácil", augura Luismi, xa que "a partir de ahora todo el mundo se juega algo". A cita chega ademais tras unha derrota en León e un empate na casa, polo que "tenemos que ganar", afirma o técnico.
O duelo pouco terá que ver co de Copa do mércores, xa que tanto o Pontevedra como o seu próximo rival en liga reservaron a un bo número de teóricos titulares.
Nos granates non estará Adrián León por sanción, ademais do lesionado Javi López. O resto de integrantes do primeiro plantel, entre os que xa se atopa o recentemente fichado Borja Domínguez, serán citados para o encontro debendo Luismi realizar un descarte nas horas previas. Domínguez podería gozar de feito dos seus primeiros minutos ante a súa nova afección.
O Navalcarnero pola súa banda chegará á Boa Vila tras tres derrotas e en postos de descenso (21 puntos), sen poder contar co defensor José Antonio, sancionado por acumulación de amoestacións, mentres que o seu adestrador, Fran Garrido, tampouco poderá sentar no banco ao estar suspendido.
As entradas para presenciar o choque fixáronse en 20 euros para Tribuna, 15 en Preferencia e 10 euros nos fondos, todo iso baixo a dirección arbitral do catalán Gerard Brull Acerete.