O Pontevedra CF afronta este sábado ante o Valladolid Promesas (Anexos José Zorrilla, 18:00 horas) o seu segundo partido de liga, no que esperan deixar atrás a falta de acerto para gol e lograr o primeiros tres puntos da tempada.
"O equipo adestrou moi ben esta semana, somos conscientes dos erros que cometemos e dos acertos que tivemos", explicou Yago Iglesias na rolda de prensa habitual previa ao encontro, consciente de que o camiño para seguir é a segunda parte fronte á Gimnástica de Torrelavega aínda que sempre "tendo en conta ao rival que nos imos a atopar" e o escenario, porque "un partido fóra de casa sempre é un contexto diferente".
Os granates centráronse especialmente en corrixir a fraxilidade defensiva da pasada fin de semana e "sobre todo na consecución dos dous goles en contra, que veñen de erros nosos, por apatía quizais, ou non ser o suficientemente competitivos no momento da perda de balón e a defensa", recoñece o técnico. "Ao final no cómputo xeral tiñamos esas sensacións e, despois analizándoo, a Gimnástica tirou tres veces e meteu dous goles, nós xeramos moitas e non fomos capaces". Neste sentido, o obxectivo do plantel é "chegar a ese punto de equilibrio entre o que che xera o equipo rival e o que ti xeres, que non sexa tan deficitario".
En relación ao que quere Yago Iglesas que faga o equipo "nunca vai estar pechado por completo. Si é certo que para ser a primeira xornada de liga e ter tantos xogadores novos fixo moitas cousas ben, pero aínda nos queda moita marxe de mellora e moito traballo". Especialmente, indica o adestrador, "cremos que a marxe de mellora está no axuste dos propios xogadores, de coñecerse ben, de coñecer aos compañeiros e, a partir de aí, desas potencialidades a nivel individual que teñen, sexan máis grandes a nivel colectivo".
Terá a todo o plantel "ao 100%" para competir mañá, entrando Toño Calvo na convocatoria ao estar xa recuperado, e Churre, que xa cumpriu a sanción. Para Iglesias "é unha boa noticia porque ademais de aumentar a competitividade interna do equipo, a nós dános variantes para distintos escenarios dentro do partido", recoñece. "Temos un palntel con nivel dentro das distintas liñas, creo que calquera xogador que xogue vai cumprir ás mil marabillas e a maneira que temos os adestradores para subir o punto de competencia neles é poñelos ou quitalos do once".
Sen un once completamente definido, o técnico defende que convocatorias, aliñacións e cambios teñen un porque. O primeiro é ver "o que queremos facer; o segundo, o estado de forma dos xogadores; e despois, cousas que vexamos no rival que nos fagan expornos varios escenarios de partido e, a partir de aí, escollemos o once e os cambios en función do que vaia pasando".
En canto ao Valladolid Promesas, para Yago Iglesias a maneira de gañar é "tendo carácter e ritmo. Ao final un equipo filial que se caracteriza pola capacidade física que teñen" e, neste caso, filial dun equipo de fútbol profesional "que ten acceso aos mellores xogadores que pode haber sub23 e, por tanto, tamén teñen calidade". Nese escenario traballa o plantel para "ser un equipo que mellore os rexistros defensivos en comparación á semana pasada e que sexamos capaces de manter o ritmo físico que seguramente nos vai a impoñer o rival".
E é que ao equipo deste sábado Yago coñéceo moi ben dos últimos anos, "ten continuidade no corpo técnico e xogadores e, aínda que este ano hai caras novas, son xogadores que veñen da categoría xuvenil e levan tempo no club", mentres que os reforzos foron con "xogadores do Atlético de Madrid, Barça, Real Madrid...". Para el "é un equipo para ter en conta con bos futbolistas, pero imos a Valladolid a competir e, sobre todo, a non cometer os mesmos erros que a semana pasada e seguir crecendo dentro da competición semana a semana".
Neste sentido, o técnico cre que os filiais aos que se enfrontará o Pontevedra ao longo da tempada "son equipos que traballan ben a canteira, teñen recursos a nivel humano e non priorizan o resultado por encima da formación. Iso fai que un xogador dun filial non teña a tensión de ter que gañar sempre, están nun proceso de formación e poden competir con certas vantaxes con respecto a outros equipos que estamos na categoría e temos uns obxectivos ambiciosos".