O Concello de Sanxenxo, Accem e o Círculo Cultural Deportivo promoven un proxecto de inserción social a través da actividade deportiva.
Trátase dunhas xornadas de convivencia, enmarcadas nun evento deportivo que busca "unir culturas" a través da práctica do pádel e o tenis.
Esta actividade desenrolarase os días 19, 20, 26 e 27 de marzo nas instalacións do Círculo Cultural e incluirán sesións de fisioterapia, práctica deportiva, partidos de pádel e adestramentos de tenis para todos os niveis.
Paco Hernández, presidente da Cultural, explicou que este proxecto pretende "axudar e colaborar", con todas as entidades que fomentan a integración.
Segundo indicou, esta actividade busca "a mellora nas habilidades dos participantes como parte dunha acción inclusiva que fomenta a participación, o traballo en equipo, a camaradería, o bo ambiente e a diversión".

As instalacións da Cultural acolleron este xoves a presentación desta iniciativa nun acto ao que asistiron os concelleiros de Asuntos Sociais e Deportes do Concello de Sanxenxo, Paz Lago e Marcos Guisasola; o delegado de Accem en Galicia, Daniel Bóveda; o xerente da entidade organizadora, Antón Hernández; o asesor de Alianzas Internacionais do Círculo, Daniel Vigo; así como os guineanos Mohamed Sow, Mussa Camara e Fode Sylla.
A concelleira Paz Lago destacou "a boa acollida que desde un principio tiveron os migrantes entre os veciños do municipio" polo que entende que para o Concello "era impensable non envorcarse nunha actividade como esta para mellorar a súa calidade de vida".
Accem é unha organización sen ánimo de lucro española especializada na atención de refuxiados, inmigrantes en situación irregular e en situación de risco social. Eles encargáronse de xestionar a estancia dos migrantes en Sanxenxo. O delegado desta ONG recalcou a importancia do deporte "na procura da mellora da convivencia".
Sow, Camara e Sylla, procedentes o tres de Guinea Conakry, expresaron a súa "alegría" en poder participar neste proxecto deportivo e agradeceron a boa acollida que tiveron en Sanxenxo.
Tras a súa participación neste proxecto, no que van tomar parte preto de medio centenar de migrantes malianos e guineanos, volverán visitar A Cultural como convidados nos encontros internacionais de tenis que a entidade de Sanxenxo organiza ao longo da tempada, como son o ITF M20 e o Juniors, de abril e setembro, respectivamente.