Temor no Pontevedra a que Charles sexa sancionado con máis dun partido pola súa expulsión fronte ao Dépor

Pontevedra
07 de decembro 2020

A redacción da acta arbitral fai pensar nunha sanción de polo menos dous encontros para o atacante brasileiro, que desta forma non só se perdería o duelo da próxima fin de semana en Coruxo senón que podería estar fose do equipo en Copa ou noutra xornada de liga

Charles, adestrando co Pontevedra en Pasarón
Charles, adestrando co Pontevedra en Pasarón / Cristina Saiz

Cantos partidos perderase Charles? É unha das incógnitas da semana no Pontevedra Club de Fútbol, despois da expulsión sufrida nos últimos minutos do encontro que o pasado sábado enfrontou aos granates co Deportivo.

O atacante brasileiro foi expulsado con vermella directa no minuto 81 nunha disputa na que tamén puxo camiño aos vestiarios o deportivista Lara. Os presentes no estadio quedaron en moitos casos sorprendidos, ao non apreciar nada grave sobre o terreo de xogo, nin tampouco as cámaras de televisión reflectiron con claridade o acontecido.

O único seguro é que esa expulsión pode traer graves consecuencias, e ese é o temor no Pontevedra despois de comprobar a redacción da acta arbitral.

O colexiado do encontro, o canario González Francés, explicou tras o choque que tanto Charles como Lara viron o cartón vermello por "golpear no pescozo dun contrario coa man aberta usando forza excesiva, non estando o balón en xogo".

O último matiz, de non estar o balón en xogo, pode facer que a  infraccion sexa considerada como grave, o que supoñería un mínimo de dous encontros de suspensión.